Rusia bombardea un teatro de Mariupol onde había centos de refuxiados
O vicealcalde de Mariupol asegura que no teatro se agochaban máis de mil persoas
O edificio quedou "completamente destruído", segundo as fontes ucraínas
Rusia di que está preto dun acordo sobre seguridade con Ucraína

Efectivos rusos bombardearon este mércores un teatro que servía de refuxio a centos de persoas residentes nesta cidade asediada de Mariupol en Ucraína e causaron un número aínda indeterminado de vítimas, segundo fontes ucraínas.
O Parlamento de Ucraína informou de que no interior do teatro, que quedou reducido a cascallos, había moitos cidadáns agochados. Descoñécese polo momento se hai superviventes.
As forzas ucraínas confirman tamén que nos arredores do edificio se desenvolveu unha forte batalla e ninguén pode acceder á zona.
Serhii Orlov, vicealcalde de Mariupol, asegurou que no teatro se agochaban entre 1.000 e 1.200 persoas e que o edificio "está completamente destruído".
"Outro crime de guerra atroz cometido por Rusia en Mariupol", dixo o ministro ucraíno de Exteriores Dmitro Kuleba.

A situación é desesperada desde hai días en Mariupol, unha estratéxica cidade portuaria á beira do mar interior de Azov situada entre a península anexionada de Crimea e o leste separatista do Donbás, polo que a súa captura é un obxectivo prioritario de Rusia.
"Houbo un masivo ataque ruso sobre o Drama Theater, onde se agochaban centos de inocentes civís", escribiu Kuleba en Twitter.
Pola súa banda Rusia nega o ataque ao teatro de Mariupol.