Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda anuncia a matrícula gratis nas ensinanzas artísticas superiores

Rueda anuncia a matrícula gratis nas ensinanzas artísticas superiores

A partir de setembro Galicia será ademais a primeira comunidade coa matrícula gratis para os universitarios que aproben, unha medida que será aprobada este luns no Consello da Xunta

G24.gal 18/04/2024 19:51 Última actualización 18/04/2024 21:41

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanza que a gratuidade dos estudos superiores anunciada para o próximo curso vaise estender ás ensinanzas artísticas. Díxoo nunha entrevista na Televisión de Galicia, a primeira que concede tras tomar posesión do cargo, na que tamén falou da nova estrutura do seu Goberno e dos retos para a lexislatura que acaba de comezar.

O xefe do Goberno galego afirmou que a Xunta traballa en cumprir o prometido durante a campaña para os cen primeiros días de Goberno. E confirmou que a partir de setembro Galicia será a primeira comunidade coa matrícula gratis para os universitarios que aproben; medida que se estenderá ás ensinanzas artísticas superiores, como música, deseño ou arte dramática.

Sobre os cambios de estrutura na Xunta, Rueda asegurou que é para adaptala aos novos tempos e destacou a creación da Consellería para Cultura, Lingua e Xuventude. O presidente dixo que "é fundamental" que a xente nova "siga coidando o noso idioma e as culturas tradicionais".

En materia económica, o xefe do Goberno galego defende que quere que as industrias do futuro, como a eólica mariña, estean en Galicia. E garantiu que a Xunta vixiará que cumpran todas as normas.

"As industrias que veñen a Galicia xa saben que se non cumpren todo iso aquí non se poden poñer, e iso é unha garantía para todos os veciños e veciñas que vaian ter unha industria cerca. Se cumpren, eu quero que se fagan en Galicia, tanto Altri, como outros proxectos que están enriba da mesa", explicou o presidente.

Alfonso Rueda critica que o BNG e "outros partidos" se opoñan a iniciativas "sen coñecer o que hai", cando están reclamando industrias. Dixo tamén que a Xunta seguirá reclamándolle ao Goberno a transferencia da AP9 e, mentres non chega, a gratuidade.

"O candidato socialista dixo nun debate nesta casa que ían suprimir as peaxes nas autoestradas titularidade do Goberno central. O resultado electoral foi o que foi pero supoño que o compromiso non depende de quen gañara, por iso imos insistir en que ese compromiso hai que cumprilo", afirmou Rueda.

Entrevista completa co presidente da Xunta
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos