Reclaman a reposición dun espello nun cruzamento de Cambre que consideran especialmente perigoso
A veciñanza di que non hai visibilidade e si máis risco de que se produzan accidentes
Desde o Concello din que xa tramitaron a orde correspondente para poder repoñer o espello canto antes
"Estás no medio de dúas curvas, hai un cambio de rasante, e non ves nada". Fala desta intersección do lugar de Nebrixe, na parroquia cambresa de Bribes. Aquí, ata o pasado mes de marzo había un espello de tráfico.
"Pasou un camión, levouno por diante e marchou. E agora estamos sen el". E convivindo, segundo din, cun punto cego nesta estrada que vai cara á parroquia de Santa María de Vigo desde hai case seis meses.
"É moi perigoso". "Aí hai accidentes porque non se ve".
Fartos da situación, contan que foron ao Concello para reclamar a súa reposición. "E no Concello dixeron primeiro que non había cartos e despois que non había espellos".
Mesmo estaban dispostos a mercar un cos seus propios cartos. "Pero en Cambre dixéronlles que non. Que non podían facer iso".
Con todo, a veciñanza conta que noutro cruzamento tamén hai inseguridade viaria. "Hai un cruce aí abaixo, a uns 250 metros, que tamén é moi perigoso. Hai accidentes case acotío". "E por esta estrada fan carreiras. É moito"
Desde o Concello de Cambre din que entenden e comparten a preocupación da veciñanza. E engaden que o venres pasado se deu a orde correspondente para avanzar na tramitación necesaria para adquirir o espello e repoñelo canto antes.