Quiles demostra a súa versión de matador cunha tripla en Fuenlabrada
O dianteiro protagonizou a vitoria máis cómoda do Deportivo no que vai de temporada (0-3)
Un partido que se antollaba moi duro acabou converténdose no triunfo máis cómodo da temporada para o Deportivo. No campo do Fuenlabrada, apareceu de xeito maxistral o "matador" Alberto Quiles, que conseguiu unha tripla, a primeira que logra no fútbol profesional.
Non houbo demasiado fútbol ata que Quiles enganchou un lanzamento desde fóra da área contra o final da primeira metade que superou a Dani Hernández. Un pouco máis tarde o colexiado amosáballe a Diamé o segundo cartón e deixaba o Fuenlabrada cun xogador menos.
Era cuestión de tempo que chegara o segundo, e repetiu Quiles antes do minuto quince. O equipo de Óscar Cano dominaba o encontro a pracer e o dianteiro onubense marcou o terceiro da súa conta, o sexto no que vai de temporada.