Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin ordena enviar á casa os rusos mobilizados por erro para a guerra en Ucraína

Putin ordena enviar á casa os rusos mobilizados por erro para a guerra en Ucraína

O número de homes que fuxiron de Rusia tras o anuncio de mobilización de 300.000 reservistas podería superar o de soldados enviados a Ucraína

Putin asinará este venres os tratados de anexión de territorios ucraínos a Rusia

G24.gal 29/09/2022 21:43 Última actualización 29/09/2022 21:53

 O presidente ruso, Vladímir Putin, ordenou este xoves enviar ás súas casas todos os homes mobilizados por erro no marco da mobilización parcial que el decretou a pasada semana, que provocou un éxodo masivo ao estranxeiro de rusos en idade militar.

"Hai que estudar caso por caso. Se se cometeu un fallo, entón hai que corrixilo e enviar á casa aqueles mobilizados por erro", dixo Putin durante unha reunión do Consello de Seguridade de Rusia.

Putin preguntouse por que están a ser chamados a filas "especialistas altamente cualificados" que son necesarios na retagarda, por exemplo en hospitais.

"Esta mobilización esperta moitas preguntas. Hai que corrixir todos os erros e non volvelos cometer", insistiu.

Tamén aludiu á mobilización de cidadáns que están eximidos, como é o caso de pais de familias numerosas, maiores de 65 anos ou enfermos crónicos.

Lembrou que, segundo o seu decreto, deben ser chamados a filas aqueles reservistas con experiencia militar ou que exercen unha especialidade necesaria para as Forzas Armadas, desde artilleiros a mecánicos ou condutores.

En alusión ás críticas das organizacións de dereitos humanos, subliñou que todos os homes mobilizados deben someterse a "unha instrución militar adicional".

A aprobación de Putin caeu seis puntos, do 83 % ao 77 %, tras o seu decreto de mobilización, segundo unha enquisa divulgada este xoves polo Centro Levada.

O Ministerio de Defensa do Reino Unido calcula que o número de persoas que fuxiu de Rusia tras o anuncio de mobilización de 300.000 reservistas supera probablemente o das tropas enviadas a Ucraína desde o inicio da campaña militar en febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade