Publicador de contidos

Publicador de contidos

Puente ve o PP "disposto a todo" porque "politicamente non poden" con Sánchez

Puente ve o PP "disposto a todo" porque "politicamente non poden" con Sánchez

O ministro de Transportes considera que "Galicia foi un banco de probas do que a dereita española fai en España"

Acusou o PPdeG de "empregar anónimos" para apartar "un referente honesto e honrado durante sete anos"

No Partido Socialista aseguran que Pedro Sánchez segue pechado na Moncloa e sen falar con ninguén sobre o seu futuro

G24.gal 28/04/2024 12:12 Última actualización 28/04/2024 18:11

O ministro de Transportes, Óscar Puente, pediulles aos seus apoio para o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, porque está "nun momento moi duro" nun escenario no que o PP está "disposto a todo", porque "politicamente non poden con el".

Puente manifestouse deste xeito na apertura do Congreso Extraordinario do PSdeG-PSOE para proclamar a José Ramón Gómez Besteiro como novo secretario xeral dos socialistas galegos.

Ao seu xuízo, Sánchez necesita o apoio que está a recibir porque debe facer fronte a quen "está dispostos a todo" a través de fórmulas pouco democráticas, "porque o relato da realidade é tan demoledor que saben que politicamente non teñen nada que facer", dixo.

O ministro repasou os "atributos" e "logros" do Executivo de Sánchez e salientou o seu traballo a prol do benestar e progreso da poboación. Ademais, sostivo que "ninguén gobernou mellor a economía que este Goberno" e que "se hai un milagre económico, non é o de Rato, é o de Pedro". 

Precisamente por iso, "a Pedro Sánchez desde 2014 ándanlle buscando cousas; ao seu sogro, ao seu curmán, á súa muller…", polo que pediu explicacións á actual dirección do PP, dirixida por Alberto Núñez Feijóo.

"Quérolle facer unha pregunta ao señor Feijóo. Ten vostede os papeis da espionaxe ao sogro de Pedro Sánchez en 2014? Porque coñecendo a Feijóo non creo que se botara ao carón", afirmou.

Segundo Puente, o líder do PP "está detrás da estratexia para socavar a vida persoal de Pedro Sánchez, porque politicamente non poden con el".

"Loiadas, difamacións e calumnias"

Lamentou o feito de que Galicia "coñece moi ben" o que está a suceder a nivel estatal porque o PP que agora dirixe Xénova xa estivo á fronte do PP galego lanzando "loiadas, difamacións, esaxeracións, calumnias".

"Vexo a situación na que estamos agora, e a campaña feroz contra Pedro Sánchez lembra a que Feijóo xa facía con Pérez Touriño", presidente da Xunta entre 2005 e 2009, sinalou.

Asegurou que "Galicia foi un banco de probas do que a dereita española fai en España" xa que, indicou, na comunidade galega os populares conseguiron sacar a alcaldes de gobernos e que José Ramón Gómez Besteiro estivera "sete anos apartado" da primeira liña política.

Agora considera que utilizan "denuncias un tanto rocambolescas, neste caso con recortes de xornal", pero en Galicia "empregaron anónimos" que chegaron, segundo Puente, da mans dunha dirixente do PP de Lugo e conseguiron ter "fóra da política a un referente honesto e honrado durante sete anos". 

Último día de reflexión

Este domingo é o cuarto e último día de reflexión de Pedro Sánchez. Este luns anunciará a súa decisión: se abandona a Moncloa tras os ataques contra el e a súa muller ou se continúa como presidente do Goberno.

No PSOE seguen enviando mensaxes de ánimo para que non renuncie pero, co paso das horas, o pesimismo vai en aumento.

No partido socialista aseguran que Pedro Sánchez segue pechado na Moncloa e sen falar con ninguén sobre o seu futuro. Tampouco saben se os colaboradores máis próximos van coñecer a decisión que tome antes de facela pública este luns.

Cren que pensou en dimitir tras coñecer que un xuíz admitía a trámite a denuncia contra a súa muller pero que optou por non actuar no momento.

Agora, a poucas horas de acabar o período de reflexión que el mesmo se impuxo, no PSOE confían en que lle estean chegando as mensaxes de ánimo que se escoitaron no comité federal para que non renuncie e tamén as que enviaron outras forzas políticas.

A decisión que tome marcará a vida política das próximas semanas. Se finalmente dimite, iso suporía a caída de todo o Goberno que seguiría en funcións ata que se nomee un novo candidato á investidura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade