Polo menos 18 mortos nun ataque con mísiles en Odesa
Rusia retírase dun enclave estratéxico no Mar Negro
Os servizos de emerxencias busan entre os cascallos tras o ataque ruso en Odesa
Polo menos 18 persoas, incluídos dous nenos, morreron nun ataque ruso con mísiles contra o distrito de Bilhorod-Dnistrovsky, na rexión ucraína de Odesa, no suroeste do país. As autoridades das rexións falan ademais dunha trintena de feridos.
O ataque produciuse durante a noite con tres mísiles X-22, que impactaron nun edificio de apartamentos de varios pisos e dous centros recreativos.
A rexión de Odesa, cuxa capital do mesmo nome dispón do único porto marítimo en Ucraína que os rusos aínda non controlan, é fronteiriza con Moldavia e Romanía.
Os rusos limitaron ata o de agora os seus ataques nesta zona e centráronos en destruír as infraestruturas que unen á rexión coa súas fronteiras europeas.
Rusia anunciou onte que se retiraba da illa de Zmiinyi, tamén coñecida como a illa das Serpes, un pequeno pero estratéxico enclave no Mar Negro. Moscova cualificouno como "un xesto de boa vontade", aínda que os ucraínos consideran que se debe a que o Klemlin non pode manter a súa estratexia na zona tras perder varios barcos.
Con todo, a situación en Donbas, que inclúe ás rexións de Luhansk e Donetsk, "segue sendo a máis dura, extremadamente difícil", segundo asegurou o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski.