Pedro Sánchez avanza que o Goberno traballa nun plan para minimizar riscos nas inundacións
O xefe do Executivo fixo o anuncio nunha reunión con vítimas da dina
O funeral de Estado polos 228 falecidos será laico e celebrarase no primeiro cabodano
Seguridade Nacional atribúe a Rusia campañas de desinformación durante a dina

O Goberno de España traballa xa nun plan para previr riscos, protexer á poboación e preparar o territorio para minimizar os riscos en caso de inundación, que inclúe un paquete de reformas hidráulicas, segundo trasladou o presidente, Pedro Sánchez, a vítimas da dina de Valencia.
Nun comunicado remitido polo Goberno ao remate da reunión deste xoves, que durou unhas tres horas na sede da Delegación do Goberno en Valencia, Presidencia sinala que Sánchez "puido escoitar en primeira persoa a voz das vítimas, que lle trasladaron as súas historias, a situación que atravesan e as súas principais reivindicacións tras a catástrofe".
Segundo o comunicado, o presidente do Goberno recolleu a petición das asociacións de vítimas para a celebración dun funeral de Estado en memoria das vítimas da dina do 29 de outubro, que deixou 228 falecidos.
O funeral celebrarase en Valencia ao redor da data do primeiro aniversario da traxedia. Tratarase dun funeral "totalmente laico", no que estarán presentes distintas relixións pero non será relixioso como o que se fixo o 9 de decembro na Catedral de Valencia, e na súa preparación participarán, xunto á Delegación do Goberno, as tres asociacións de afectados.
Sánchez "reiteroulles o seu compromiso e o do Executivo coas vítimas, como fixo desde o primeiro día, ata a plena reconstrución da Comunidade Valenciana e a reactivación económica das zonas afectadas", lembrou que o Estado xa abonou 5.360 millóns de euros dos 16.600 comprometidos e garantiulles que o Goberno vai seguir traballando para que as axudas "sigan chegando coa maior axilidade posible".
Sobre o citado plan no que traballa o Goberno, o seu obxectivo será "previr e preparar o territorio para minimizar os riscos en caso de inundación, que incluirá actuacións novas e outras xa programadas, que se executarán desde 2026"; estará deseñado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e conterá un paquete de reformas hidráulicas e actuacións de protección fronte a inundacións.
Sánchez tamén se referiu á Comisión de investigación sobre a dina que se constituíu este mércores no Congreso e trasladoulles que a intención é que as tres asociacións de vítimas sexan as primeiras en comparecer ante os membros da comisión.
Previamente a ese encontro, o presidente do Goberno visitou a empresa familiar ITV Ice Makers, fabricante de máquinas de xeo e afectada pola dina, que recibiu xa preto de 4 millóns de euros do Consorcio de Seguros.
O presidente concluíu a súa visita a Valencia cun encontro con José Vicent, propietario do taller de bicicletas Ciclos Vicent, destruído pola dina e que reabriu ao público a semana pasada.