Pablo Fernández "Ata nos peores momentos, Dani era moi optimista"
O responsable deportivo do Montañeros lembrou a figura de Dani Rodríguez, falecido esta semana

Esta semana o fútbol galego lamentou a perda dun adestrador moi novo, o sadense Dani Rodríguez. Na pasada temporada dirixiu ao Atlético Coruña Montañeros. Co coordinador de fútbol deste club, Pablo Fernández, falaron no Galicia en Goles nas últimas horas.
"Xa estivera con nós hai un par de anos e o curso pasado volvimos contactar para adestrar con nós. Tiñamos no persoal e no deportivo moi boa relación, pensabamos o mesmo. A idea era seguir con el moito tempo pero a enfermidade impediuno. Queriamos seguir a liña de traballo"
Dani Rodríguez era un técnico moi novo e cuna gran proxección. Pablo Fernández non dubida que tería chegado lonxe.
"Dani era un home moi apaixonado, meticuloso e práctico no seu traballo. Dicía que non tiña expectativas pero debido á súa xuventude, estou seguro que lle ía chegar algunha oportunidade. Sempre foi moi optimista, no deportivo e na enfermidade. Incluso nos peores momentos, nos que eu vía todo moito pior, el sempre sacaba optimismo"