Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os trocos de Claudio danlle o triunfo ao Celta en Mestalla (2-3)

Os trocos de Claudio danlle o triunfo ao Celta en Mestalla (2-3)

Guido marcou para os locais aos 11 minutos, nun córner

O Valencia anulou o xogo celeste no primeiro tempo

Os trocos de Claudio no descanso decidiron o partido

Iláix Moriba e Fer marcaron para o Celta 

G24.gal 05/04/2026 15:42 Última actualización 05/04/2026 19:25

O partido arrancou cun Valencia agresivo, presionante, disposto a non deixar tocar ao rival. E cun Celta que rápido encontraba salida con Jutglá, moi bulideiro neste inicio. E arrancou con disgusto. Porque no minuto 11, no primeiro córner, Guido Rodríguez aproveitaba un barullo, un balón solto, para golpear con violencia e superar a Radu. Faltoulle tensión aí á defensa do Celta.

Co gol a favor, o Valencia pechou liñas e tirouse atrás. E a súa proposta presionante, ambiciosa do inicio, deixou paso a outra de agardar, roubar e saír. Nesta primeira parte, o Celta sentiuse incómodo, sen visión para encontrar os espazos. Como bloqueado. E o Valencia alcanzou o intermedio por diante no marcador e sen contratempos.

Á volta Claudio daba entrada a Jones, a Williot e a Fer López. O adestrador buscaba outro xeito no seu Celta. E os primeiros minutos así o daban a entender, cunha primeira opción con Williot e Jutglá como protagonistas. O Valencia seguía pechado, atrás, tal e como fixera no período anterior. Pero o Celta xa outro; baixo a batuta de Fer e coa electricidade que lle aportaban ao xogo Williot e Jutglá. En tres minutos os galegos déronlle volta. Os que van do minuto 56 ao 59. Primeiro marcou Iláix e logo Fer. Os trocos de Claudio resultaron decisivos.

E daquela tocoulle cambiar ao Valencia. Con agardar xa non lle bastaba. E así asistimos a unha media hora final vibrante. Con ocasións para os locais. Con sufrimento para o Celta. e con dous goles máis. O primeiro, tranquilizador, de Williot (minuto 80). E o segundo de Guido xa na compensación.

E así acabou, con 2-3, o partido en Mestalla. Triunfo de mérito do Celta que alimenta o soño europeo. Que enche de confianza. E que non se pode entender sen os trocos de Claudio no descanso. 

Na sala de prensa, o adestrador do Celta salientaba que esta vitoria permítelles alcanzar os 44 puntos e, con eles, a salvación virtual da categoría. Era o obxectivo principal do Celta. Claudio apuntou que agora o que toca é soñar. Tanto cunha nova clasificación para Europa, como pola eliminatoria fronte ao Friburgo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade