Os países da UE reúnense hoxe tras a ameaza de Trump por Groenlandia
Ursula von der Leyen e António Costa advírtenlle que estes aranceis "socavarían as relacións transatlánticas"
Costa e Von der Leyen en Paraguai este sábado. REUTERS/César Olmedo
Os embaixadores dos Estados membros da Unión Europea manterán unha reunión extraordinaria este domingo tras o anuncio do presidente estadounidense de impoñer aranceis aos países europeos que enviaron tropas a Groenlandia e non apoien o seu plan de anexión da illa.
Confirmouno unha voceira da presidencia chipriota do Consello da UE, quen concretou que a reunión se celebrará pola tarde.
Donald Trump anunciou este sábado que ía impoñer, a partir do 1 de febreiro, un arancel do 10% a todos os produtos dos oito países que mandaron tropas a Groenlandia, e que o vai aumentar ata o 25% en xuño.
O mandatario pretende manter estas taxas en vigor ata que se peche un acordo "para a compra total e plena" da illa por parte de Washington.
"Perigosa espiral descendente"
Pola súa banda, os presidentes da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e do Consello Europeo, António Costa, advertiron que estes aranceis "socavarían as relacións transatlánticas e poderían provocar unha perigosa espiral descendente".
Así mesmo, os europeos defenderon que a manobra militar "responde á necesidade de reforzar a seguridade no Ártico e non supón ningunha ameaza para ninguén" e sinalaron que "o diálogo segue a ser esencial".
Países afectados
Os líderes dos países afectados pola ameaza arancelaria estadounidense -Dinamarca, Noruega, Suecia, Francia, Alemaña, o Reino Unido, Países Baixos e Finlandia- tamén se pronunciaron sobre o anuncio de Trump.
O ministro de Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, dixo que o anuncio foi "unha sorpresa" e apuntou que mantivera unha "reunión construtiva" co vicepresidente dos EUA, JD Vance, e o secretario de Estado, Marco Rubio, esta mesma semana.
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, tachou as ameazas de "inaceptables" e asegurou que os europeos responderán "de maneira unida e coordinada de se confirmaren".
Pola súa banda, o primeiro ministro británico, Keir Starmer, dixo que "aplicar aranceis a aliados por buscar a seguridade colectiva dos aliados da OTAN é completamente erróneo".
Mentres, o presidente finlandés, Alexander Stubb, avogou por buscar unha solución "a través do diálogo, e non a presión".