Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA e tres aliados enviarán a Ucraína munición, Patriots e artillería

Os EUA e tres aliados enviarán a Ucraína munición, Patriots e artillería

O Reino Unido, Alemaña e a República Checa tamén facilitarán armamento ao exército ucraíno

Lanzamento dun mísil Patriot / REUTERS Lanzamento dun mísil Patriot / REUTERS
G24.gal 26/04/2024 16:07 Última actualización 26/04/2024 16:49

O secretario de Defensa de Estados Unidos, Lloyd Austin, anunciou hoxe na apertura da reunión do Grupo de Contacto para a Defensa de Ucraína que os EUA, o Reino Unido, Alemaña e a República Checa enviarán con carácter de urxencia artillería, baterías Patriot e HIMARS a Ucraína.

O detalle do envío prodúcese despois de varios anuncios de axuda internacional, entre eles 1.000 millóns de dólares en material militar que Washington liberará de inmediato como parte dun paquete recentemente aprobado de 61.000 millóns de dólares. “Se Ucraína sucumbe baixo a bota de Putin, Europa caerá baixo a súa sombra. Por iso estamos determinados a disuadir a Rusia de calquera nova agresión, incluída aos aliados da OTAN”, subliñou Austin.

O secretario de Defensa alagou a decisión da República Checa de enviar miles de pezas de artillería, a decisión de Reino Unido de aprobar un paquete de axuda militar de 620 millóns de dólares e a doazón por parte de Alemaña doutro sistema de mísiles Patriot.

O xefe do Pentágono confirmou que Estados Unidos enviará con carácter de urxencia a Ucraína munición para baterías HIMARS, que permite atacar posicións rusas lonxe da fronte, munición de artillería avanzada de 155 milímetros e sistemas de defensa aérea en vehículos blindados.

Austin reiterou que agora mesmo a necesidade máis urxente para Ucraína é conseguir mellorar as súas defensas antiaéreas para evitar que Rusia tome a hexemonía aérea en partes claves do territorio ucraíno. Nunha mensaxe gravada o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, dixo que Ucraína necesita "polo menos sete baterías Patriot" e mísiles "con urxencia" e máis artillería para facer fronte a Rusia.

"Hai que lembrar que réximes depredadores como o ruso están rapidamente aumentando o seu apetito pola agresión. Cando teñen éxito nunha parte do mundo, créanse problemas noutros lugares e a agresión estenderase e non parará", asegurou Zelenski.

"Todo isto é un testemuño do noso compromiso co éxito de Ucraína no terreo de batalla e de facelo a través deste grupo de contacto", apuntou Austin antes de que comezasen a porta pechada as reunións do Grupo de Contacto de Defensa de Ucraína, integrado por 50 países aliados de Kiev.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar