Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel prohibe o paso de persoas e axuda humanitaria tras controlar o paso de Rafah

Israel prohibe o paso de persoas e axuda humanitaria tras controlar o paso de Rafah

Por este cruzamento entraba ata o de agora a maior parte da limitada asistencia humanitaria que permitiu Israel desde o inicio da guerra, o pasado outubro

Polo menos 18 gazatís faleceron a madrugada deste martes en Rafah tras unha noite de bombardeos constantes tamén contra vivendas

Tanques do exército de Israel no paso fronteirizo de Rafah (Exército de Israel / Reuters). Tanques do exército de Israel no paso fronteirizo de Rafah (Exército de Israel / Reuters).
G24.gal 07/05/2024 08:21 Última actualización 07/05/2024 12:43

As forzas israelís pecharon completamente o paso fronteirizo de Rafah, entre Exipto e Gaza, ao paso de persoas e de calquera axuda humanitaria tras tomar o control militar desta área ao lado palestino, dixo hoxe o portavoz da Oficina de Coordinación Humanitaria de Nacións Unidas, Jens Laerke.

"As forzas de defensa de Israel están a ignorar completamente todas as advertencias do que isto pode significar para os civís e para as operacións humanitarias en toda a Franxa de Gaza", denunciou, en relación a este bloqueo que deixa sen acceso á axuda máis esencial para sobrevivir a toda a poboación deste territorio palestino.

Polo cruzamento de Rafah entraba ata o de agora a maior parte da limitada asistencia humanitaria que permitiu Israel desde o inicio da guerra, o pasado outubro.

O cruzamento secundario de Kerem Shalom tamén está pechado

O cruzamento secundario de Kerem Shalom, entre Gaza e Israel, por onde entraba un reducido volume de subministracións humanitarias desde o pasado decembro foi novamente pechado hai uns días por Israel e non foi reaberto a pesar de que se comprometeu cos Estados Unidos que o faría.

"Isto significa que agora as dúas principais arterias para facer entrar axuda a Gaza están seladas, o que fai que esta mañá -cando se soubo desta situación- foi unha das máis negras nos sete longos meses que dura este pesadelo", lamentou Laerke.

As autoridades israelís tampouco están a permitir que o persoal humanitario da ONU se achegue ao paso fronteirizo para coordinar a continuación dos movementos humanitarios.

As limitacións impostas por Israel ao fluxo de subministracións humanitarias que podían entrar en Gaza é a razón pola que practicamente toda a axuda foi distribuída case de inmediato tras a súa entrada ao territorio e que non haxan reservas de alimentos, auga potable ou de combustible para que os camións poidan funcionar.

Sen combustible "os camións, os xeradores (de hospitais e outros lugares esenciais) e os equipos de comunicación están en perigo. Todo deixa de funcionar sen diésel", explicou o portavoz.

O 76 % do territorio da localidade de Rafah, no extremo sur de Gaza, está comprendido na área de evacuación de civís ordenada por Israel e onde tamén hai tres centros médicos e seis almacéns de uso humanitario.

Laerke confirmou que nas últimas horas a poboación desprazada en Rafah reaccionou con pánico e desesperación ao aviso da incursión armada israelí que se concretou pola noite, desprazándose novamente mesmo cara ao devastado norte de Gaza.

A ONU indicou que tentará pescudar coas autoridades israelís se tamén detivo no cruzamento de Kerem Shalom o escaneado dos camións que debían levar axuda a Gaza nas próximas horas e días por calquera dos puntos de entrada, incluíndo o de Erez no norte do enclave, aberto para reducidos volumes de axuda para as centos de miles de persoas que quedan nese sector de Gaza.

Un tanque do exército israelí preto do paso fronteirizo de Shalom Kerem, ao sur de Gaza (Europa Press / Jamal Awad). Un tanque do exército israelí preto do paso fronteirizo de Shalom Kerem, ao sur de Gaza (Europa Press / Jamal Awad).

O exército israelí fala dunha operación "precisa e limitada" contra obxectivos de Hamas

O exército de Israel confirmou este martes a toma de control do lado gazatí do cruzamento de Rafah con forzas terrestres, tras unha noite de bombardeos intensos contra o leste desta localidade do sur fronteiriza con Exipto.

Forzas israelís continúan "escaneando" o cruzamento, indicou esta mañá o exército sen especificar o número de tropas que seguen presentes, aínda que recalcou que é unha operación "precisa e limitada" contra obxectivos de Hamas. 

Segundo un portavoz castrense, a toma ao lado gazatí de Rafah foi realizada pola brigada 401, composta na súa maioría por tanques, e a brigada de elite Givati, e chegou propiciada polo ataque desde esta área perpetrado por Hamas dous días atrás, en que morreron catro soldados, que segundo o exército confirmou que esta zona estaba a ser usada por milicianos.

Contrario a un comunicado onte luns do Goberno gazatí de Hamas, en que advertía que a orde de evacuación do leste de Rafah, comandada polo exército israelí, estaba a ter unha "resposta limitada", o portavoz castrense dixo hoxe que gran parte da poboación puido buscar refuxio en Al Mawasi, Khan Yunis, e que isto facilitou a operación.

Polo menos 18 gazatís faleceron a madrugada deste martes en Rafah tras unha noite de bombardeos constantes

Pero polo menos 18 gazatís faleceron a madrugada deste martes en Rafah, no sur da Franxa de Gaza, tras unha noite de bombardeos constantes tamén contra vivendas, despois de que o Gabinete de Guerra israelí anunciase a última hora de onte que non detería a súa "operación" militar a pesar de seguir esgotando a posibilidade dunha tregua.

O exército, pola súa banda, confirmou este martes a morte de 20 supostos milicianos na zona leste de Rafah con cazas e tropas terrestres, ademais do achado de tres túneles operativos de Hamas e da destrución dun vehículo con explosivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade