Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os catro novos maxistrados toman posesión e completan a renovación do Constitucional

Os catro novos maxistrados toman posesión e completan a renovación do Constitucional

O xa expresidente, Pedro González Trevijano, di na súa despedida que "un maxistrado non representa a ninguén"

G24.gal 09/01/2023 15:24

Este luns ao mediodía tomaron posesión como maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) os catro candidatos designados polo Goberno o polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O aínda presidente do TC, Pedro González-Trevijano, despediuse do cargo alertando de que ante a Constitución "non son posibles soberanías populares", en referencia á reforma que quixo tramitar o Goberno para cambiar o sistema de remuda no tribunal de garantías.

Agora, ábrese un cambio no equilibrio de forzas no Constitucional, xa que pasará a ter maioría de maxistrados progresistas, que deberá elixir o novo presidente ou presidenta. Entre os nomes que se barallan están Cándido Conde-Pumpido e María Luisa Balaguer, ambos da ala progresista.

Os catro novos maxistrados do son Juan Carlos Campo, Laura Díez, María Luisa Segoviano e César Tolosa, que tomaron posesión dos seus cargos nun acto solemne que serviu para consumar a renovación parcial do TC, pendente desde o pasado 12 de xuño.  

O exministro Juan Carlos Campo e a exalto cargo de Moncloa Laura Díez, designados polo Goberno o 29 de novembro, substitúen a González-Trevijano e Antonio Narváez; mentres que María Luisa Segoviano, expresidenta da Sala do social do Tribunal Supremo (TS), e César Tolosa, ata o de agora presidente da Sala do contencioso-administrativo do TS, aos que postulou o CXPX o 27 de decembro, substituirán a Juan Antonio Xiol e Santiago Martínez-Vares.  

Os catro candidatos xa xuraron ou prometeron o cargo ante o rei o 31 de decembro, despois de que o Pleno do TC lles dese o plácet tras comprobar que cumprían os requisitos legais para o posto: ser cidadáns españois; maxistrados, fiscais, avogados, profesores universitarios ou funcionarios públicos; e "xuristas de recoñecida competencia con máis de 15 anos de exercicio profesional ou en activo na respectiva función".  

A toma de posesión deste 9 de xaneiro era o último acto solemne que debían levar a cabo os catro maxistrados para consumar a que é a décimo cuarta renovación parcial do Tribunal Constitucional.  

Cabe lembrar que aínda está vacante a praza de Alfredo Montoya, que renunciou o pasado verán por motivos de saúde. Este maxistrado foi nomeado polo Senado, polo que debe ser a Cámara Alta quen designe ao seu substituto mediante un proceso de selección que xa puxo en marcha.

Ademais, dáse a circunstancia de que dous dos maxistrados saíntes, González-Trevijano e Xiol, ostentaban a Presidencia e a Vicepresidencia do TC, respectivamente, polo que haberá que elixir os novos titulares destes cargos.  

Tras a partida de González-Trevijano, o maxistrado de maior antigüidade, Ricardo Enríquez, asumiu de forma interina as funcións de presidente para convocar un primeiro Pleno onde se votará ao presidente e ao vicepresidente.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade