Ómicron causa en Galicia o 80 % das infeccións e só o 11 % de ingresos na UCI
A variante de procedencia surafricana é prevalente en Galicia desde a semana pasada
Os expertos piden prudencia pola decalaxe habitual nos datos de hospitalización
Hoxe son aproximadamente o 0,1% dos infectados os que rematan na UCI, un de cada 1.000. En ondas anteriores esta cifra era dez veces maior. É o efecto das vacinas. Pero tamén semellan alentadores os datos que van chegando tras a irrupción da nova variante, a ómicron, que é a predominante en Galicia desde a semana pasada.
O día 2 de xaneiro calcúlase que ómicron era xa a responsable do 86 % das infeccións, pero esta variante é moi minoritaria aínda nas UCI. Están infectados con ómicron só o 11 % dos pacientes galegos de coidados intensivos.
Os expertos piden prudencia para interpretar todos estes datos: agardar ao descenso da curva e ao pico de hospitalizados para extraer conclusións definitivas. Están atentos a datos alentadores que chegan tamén de países que comezaron coa vaga de ómicron antes ca nós.
O primeiro que se observa neses países é que a caída de contaxios é rapidísima. Caen de repente, coa mesma rapidez que medraron.
Tamén observaron unha caída enorme na porcentaxe de infectados hospitalizados desde a entrada de ómicron. En Suráfrica a caída é dun 65 % e dun 50 % no Reino Unido.
"En principio parece que esta variante é menos grave, pero falta un pouco de tempo para ver como evolucionan esas hospitalizacións, porque hai que ter en conta que hai que falar de xente que na maioría dos casos, e sobre todo aquí en Galicia, estamos vacinados, entón tampouco é pensar que o virus está cambiando tanto que nos vai facer dano, pensemos que nós temos unha importante protección", explica a viróloga da USC Isabel Bandín.
Outra boa nova en relación á ómicron é a efectividade das vacinas. Especialmente tras o reforzo da terceira dose, en que medra tamén a inmunidade fronte aos contaxios.
Isto nótase xa en Galicia, coas menores incidencias nos grupos de idade máis alta, en que o efecto da terceira dose está xa máis consolidado.