Publicador de contidos

Publicador de contidos

O conclave para elixir o sucesor de Francisco comezará o 7 de maio

O conclave para elixir o sucesor de Francisco comezará o 7 de maio

A Capela Sixtina pechou esta mañá para iniciar o proceso de escolla do novo papa

Un fume branco sairá da cheminea da capela anunciando a elección do novo pontífice

Stefano Spaziani/Europa Press Stefano Spaziani/Europa Press
G24.gal 28/04/2025 09:24

O conclave para a elección do novo papa comezará o próximo 7 de maio na Capela Sixtina. Acordárono este luns os cardeais na quinta congregación xeral, segundo confirmou o portavoz vaticano, Matteo Bruni. 

Desde este luns, a Capela Sixtina de Roma permanece pechada ao público e os cardeais convocados a estas reunións reúnense baixo estritas normas de segredo. No tellado instalarase unha cheminea na que poderá verse o fume que anuncie a elección do novo pontífice.

A primeira das reunións previas ao conclave deste luns deu comezo ás 09:00 horas, e, pola tarde, terá lugar a segunda, a partir das 17:00 horas. 

Os cardeais decidiron a data tras un encontro que durou en torno a dúas horas e no que tras a oración inicial prestaron xuramento os purpurados que non o fixeran antes.

Durante a congregación interviñeron 20 cardeais, que falaron da Igrexa, da súa relación co mundo, ademais das características que debe ter o novo papa ante eses retos, indicou o portavoz.

Entre os que se dirixiron ao resto de purpurados figuran o alemán Reinhard Marx, arcebispo de Múnic e Freising; o filipino Luis Antonio Tagle, Pro-Prefecto do Dicasterio para a Evanxelización, e o francés Dominique Mamberti, Prefecto do Supremo Tribunal da Sinatura Apostólica.

Na mañá do 7 de maio os cardeais celebrarán a misa 'Pro eligendo pontífice' e pola tarde trasladaranse á Capela Sixtina para proceder co xuramento dos cardeais e comezar a elección.

Na reunión abordouse o tema, aínda que non se tomou ningunha decisión, da posible participación ou non do cardeal Angelo Becciu, a quen Francisco quitou os privilexios de purpurado pola súa implicación nun escándalo financeiro polo que foi condenado, pero el insiste en que conserva as prerrogativas de entrar no conclave.

O proceso para a elección do sucesor de Francisco

A elección realízase mediante votacións secretas: dúas pola mañá e dúas pola tarde. Para ser elixido, un candidato debe obter polo menos dous terzos dos votos. Unha vez alcanzada a maioría, pregúntaselle se acepta a elección e que nome desexa tomar. O seu si converte o elixido en novo bispo de Roma.

Unha vez sexa escollido o papa, o fume branco anunciará ao mundo o final do conclave. Desde o balcón central da Basílica de San Pedro, o cardeal protodiácono Dominique Mamberti proclamará en latín: Habemus papam, e presentará o novo pontífice aos fieis. A sede vacante concluirá coa elección do novo pontífice.

A complexidade deste conclave

Prevese que o conclave que elixirá o 267.º Sucesor de Pedro será complexo, xa que veñen cardeais de todas partes do mundo e moitos nin sequera se coñecen entre eles, pois foron nomeados recentemente por Francisco. Así, este preséntase como un dos conclaves con máis diversidade e máis universal dos últimos tempos, en palabras do  arcebispo de Madrid e vicepresidente da Conferencia Episcopal Española (CEE) José Cobo.

Con todo, Cobo non agarda que se prolongue demasiado. "Moi longo, moi longo, non será, porque eu creo que as conversas desta semana axudarán a que nos vaiamos coñecendo practicamente todos os cardeais. Creo que iso axilizará moito o desenvolvemento final do conclave", sinala o cardeal español.

Tras a morte do papa Francisco, o Vaticano activou un protocolo moi definido para garantir a continuidade no liderado da Igrexa Católica. As regras que rexen este período están recollidas na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis, promulgada por Xoán Paulo II e modificada posteriormente por Bieito XVI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade