O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos examinará a sentenza do 'procés'
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos examinará a sentenza do 'procés'
Os líderes independentistas sosteñen que a sentenza pola que o Supremo os condenou vulnerou varios artigos do Convenio Europeo de Dereitos Humanos
O tribunal europeo dálle a España ata 12 de xaneiro para presentar alegacións

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) examinará a sentenza aos líderes do procés e deu de prazo a España ata o próximo 12 de xaneiro para que expoña as alegacións que crea oportunas en relación coa condena que ditou o Supremo.
Segundo informaron fontes xurídicas, o TEDH acordou revisar as demandas por vulneración de dereitos fundamentais que presentaron os exconselleiros Oriol Junqueras, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Raül Romeva e Dolors Bassa, así como a expresidenta do Parlament Carme Forcadell e os exdirixentes da ANC e Òmnium Cultural Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.
As defensas dos procesados sosteñen que a resolución do TEDH supón a admisión a trámite das demandas por vulneración de dereitos presentadas.
Nas súas demandas, os líderes do procés sosteñen que a sentenza pola que o Supremo os condenou por delitos de sedición e malversación vulnerou varios artigos do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
En concreto, segundo lembra o TEDH na súa resolución, os demandantes denunciaban que foran condenados por sedición cando se limitaron a alentar as manifestacións populares a favor dun referendo e que o seu encarceramento foi desproporcionado tendo en conta que estaban a exercer os seus dereitos lexítimos á liberdade de reunión e expresión.
Na batería de preguntas que dirixe ás partes, o tribunal pregunta a España se o Supremo fixo unha aplicación extensiva do delito de sedición contrario ao Convenio de Dereitos Humanos e se foron condenados por exercer o seu lexítimo dereito á liberdade de asociación e expresión.
Tamén expón o TEDH se o Supremo vulnerou o dereito de defensa dos condenados, por ser sentenciados sen probas e sen facilitarlles o acceso do sumario durante o proceso.
Os líderes do procés, a quen o Supremo condenou polos delitos de sedición e malversación a penas de ata 13 anos de prisión, presentaron o ano pasado demandas ante o TEDH por vulneración de dereitos fundamentais, despois de que o Constitucional avalase a sentenza do procés.