O rexurdimento da Lagoa de Antela: nos invernos chuviosos a auga volve ocupar o seu lugar na Limia
As continuas e abundantes chuvias deste inverno asolagan boa parte da Limia
Unhas terras que noutrora formaban parte da antiga lagoa de Antela, unha das zonas húmidas máis importantes da Península Ibérica
O proxecto de desecación iniciouse no ano 1958 polo goberno franquista para fins agrícolas
A auga acompañou sempre os limiaos, e case 70 anos despois da súa desaparicións, os veciños aínda manteñen vivos os recordos da lagoa
Ata finais da década dos 50 do século pasado existía na Limia a Lagoa de Antela, unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica, tanto pola súa extensión, chegaba a ocupar uns 7 quilómetros de longo por uns 6 de máximo de ancho, como pola súa riqueza paisaxística, arqueolóxica e pola fauna e a flora. Unha imaxe que segue viva na memoria de moitos limiaos e limiás de cando eran pequenos.
Co tempo A Limia converteuse na maior zona agrícola de Galicia, con máis de 16.600 hectáreas cultivadas, de cereais e patacas. A agricultura modernizouse e xunto coa gandería intensiva seguen sendo os motores económicos para os 11 concellos da comarca. Pero a desecación afectou gravemente á biodiversidade da zona da antiga Lagoa provocando a desaparición de numerosas especies tanto de fauna como de flora.
Distintos proxectos conseguiron recuperar especies e zonas como nas areeiras de Sandiás. E en invernos moi chuviosos coma este a auga da Lagoa volve ocupar o seu espazo.