Publicador de contidos

Publicador de contidos

O rei Filipe VI inaugura o foro na Toxa

O rei Filipe VI inaugura o foro na Toxa

Carmen Martínez Castro, directora do evento, reivindica o diálogo como sinal de identidade 

Os organizadores entregarán un galardón ao pobo de Ucraína

G24.gal 29/09/2022 09:56 Última actualización 29/09/2022 16:46

O Rei Filipe VI inaugura esta tarde a IV edición do Foro La Toja Vínculo Atlántico, que se celebrará desde este xoves ata o sábado na illa da Toxa, no Grove. 

A directora do evento, Carmen Martínez Castro, apuntaba no Galicia por Diante que este ofrece "un ámbito de debate alleo á demagoxia, ao sectarismo e ás estridencias". Reivindica o diálogo, a procura de entendemento e o acordo como sinais de identidade do foro. 

Martínez lembrou que nesta edición se entregará o II Premio Foro A Toxa ao pobo ucraíno, e a guerra centrará boa parte de conferencias e mesas redondas.  

"Era inevitable o galardón. O foro, desde un primeiro momento, avogou por defender un modelo de civilización baseado nas regras do xogo, no cumprimento da lei, no respecto aos dereitos e á liberdade das persoas e tamén dos países. En definitiva, dunha orde internacional baseada no respecto, na cooperación e na paz. Non podiamos quedar á marxe do que pasa en Ucraína e de como impacta nas nosas vidas. Cremos que desde ese punto de vista, o pobo de Ucraína, e por iso o galardón, non só está a defender de xeito heroico e admirable a integridade territorial do seu país. O pobo de Ucraína está tamén a defender uns valores que compartimos con eles, que son os valores da democracia e dunha civilización baseada no respecto ás regras e non na lei do máis forte", apuntaba Martínez Castro. 

A directora do foro destaca que o debate do venres entre os dous expresidentes do goberno, Mariano Rajoy e Felipe González, é un dos que máis curiosidade esperta. "Á xente gústalle que este tipo de diálogo se produza. A personalidade dos dous, a retranca e o sentido de humor, encaixa moi ben". 

Carmen Martínez Castro sinala que outra das conferencias destacadas é o encontro entre os presidentes autonómicos, que, nesta edición, contará co titular da Xunta de Galicia Alfonso Rueda e os presidentes de Valencia, Navarra e Andalucía. Desta volta centrarase na cuestión demográfica pero, admite a directora do foro, "creo que sairá algún asunto máis de actualidade, coma a rebaixa de impostos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade