Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rambo galego: unha historia de delitos e fuxidas

O Rambo galego: unha historia de delitos e fuxidas

En 1996 asasina un mozo nun bar de Cuntis cun Colt 38 dun tiro na cabeza

En 1997 foxe do cárcere de Vigo por unha fiestra empregando sabas 

En 2001 é condenado a 17 anos de cadea por asasinato

En 2021 foxe cando lle quedaban cinco anos para cumprir a condena

A carreira delituosa de Rambo comeza en 1989, acumulando en pouco tempo máis de 20 delitos
G24.gal 03/02/2022 12:28

Alfredo Sánchez Chacón é exmilitar, antigo membro da Lexión e das Forzas Especiais do exército. Un experto en supervivencia extrema e en fuxidas. En agosto do ano 1996, durante as festas de San Roque, o Rambo galego matou un mozo de 24 anos dun disparo na cabeza nun bar de Cuntis. Mantivera unha discusión coa vítima e empregou un Colt 38. Por este crime detivérono en Xove en marzo de 1997, ao que se lle engadiron tras oito anos previos de frenética carreira delituosa, unha tentativa de homicidio e polo menos 23 roubos. 

Durante o tempo de espera para o xuízo, Sánchez Chacón protagonizou en Vigo unha fuga do cárcere de película. Os presos simularon unha pelexa para despistar os funcionarios, mentres que o delincuente empregou unha saba para descolgarse polas paredes do cárcere. Fuxiu a Portugal nun BMW e estivo alí ata 2002, cando por fin tivo que enfrontarse ao xuízo polo asasinato do rapaz. Foi condenado a 17 anos de prisión. 

Ata marzo de 2021, o Rambo Galego, con 63 anos, estaba no cárcere de Monterroso, en Lugo, onde cumpría condena, e volveu protagonizar unha fuga, esta vez despois dun permiso de tres días do que non regresou. Ao estar en paradoiro descoñecido, decretouse unha orde de busca e captura.

Desde entón, o fuxido estaba agachado nas de Fragas do Eume. Varias testemuñas aseguran velo roubar comida nunha tenda da zona. Mesmo a finais do pasado agosto, distintos veciños de Pontedeume, detectaron varios roubos de alimentos e ferramentas en 14 vivendas. Un cazador da zona asegurou recoñecelo nunha tenda de campaña nas profundidades do monte. Inmediatamente avisou a Garda Civil, pero cando compareceron na zona, non había rastro nin do  fugitivo, nin da tenda de campaña. As últimas pegadas deixounas en San Sadurniño, onde agrediu un veciño para roubarlle a carteira. E esta mesma semana, en Valdoviño, na parroquia de Loira, onde roubou comida nunca casa.

O Rambo galego saíu de Monterroso en marzo do ano pasado e desprazouse 95 quilómetros ata as Fragas do Eume, onde foi visto en Ombre a finais de 2021, andou 30 quilómetros ata San Sadurniño, estivo en xaneiro en Santa Mariña do Monte e marchou 7 quilómetros ata Loira en Valdoviño onde remataron as súas andanzas.

Os axentes que se cruzaron no seu camiño recoñecen que Sánchez Chacón é un home da vella escola que só necesita mochila, coitelo e corda para sobrevivir, que sae de noite e evita as estradas e o contacto coa xente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar