O Raio Cantabria remóntalle ao Compostela e obrígao a sumar na última xornada
Jaime Santos marcou por cuarta xornada consecutiva, pero non abondou
Dali e Yeray asinaron o 2-1, polo que o Compostela ten que asegurar o play off contra o Marino
O Compostela tivo a clasificación para o fase de ascenso case asegurada durante gran parte do seu partido no Nando Yosu. A vitoria, unida aos outros resultados, beneficiaba ao equipo santiagués logo do tanto de Jaime Santos mediada a primeira metade. O futbolista asturiano marcaba por cuarta xornada consecutiva, sendo o gran artífice das opcións de ascenso dos de Juan Carlos Andrés. Na primeira metade o Compostela puido asegurar o triunfo cun remate ao traveseiro e con outro gol, anulado por fóra de xogo á saída dunha falta.
Pero todo virou despois do descanso. O Raio Cantabria saíu moito mellor na segunda metade, a axiña empatou o partido nunha acción que culminaba Dali. Co empate, a situación seguía beneficiando aos galegos pero, no minuto 20 da continuación ía chegar o 2-1 definitivo. Marcou Yeray.
Nin os cambios ofensivos do técnico, nin os 25 minutos que aínda restaban foron suficientes. O Compostela non trouxo nada positivo de Cantabria. Iso si, as derrotas do Guijuelo e do Zamora permiten que un punto na última xornada contra o Marino de Luanco sexa suficiente para que o Compostela se meta no play off de ascenso á Primeira RFEF.