Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP gaña as eleccións en Galicia, o PSdeG mantense e o BNG triplica os seus escanos

O PP gaña as eleccións en Galicia, o PSdeG mantense e o BNG triplica os seus escanos

Os dous deputados que perde Fronte Ampla, que eran de Sumar, foron para o BNG (3), mentres que o PPdeG mantén os 13 e o PSdeG, os 7

O PPdeG foi a primeira forza en 300 concellos, mentres que o PSdeG gañou en 12 e o BNG se impuxo nun. Vox non consegue reprensentación

A participación en Galicia medrou case 18 puntos ata rozar o 80 %, fronte ao 61 % rexistrado en xullo de 2023.

G24.gal 30/11/2026 00:12

O PP gañou as eleccións xerais en Galicia e o BNG triplicou os seus escanos, ata tres, ao conseguir os dous de Fronte Ampla, que perdeu a representación que tiña Sumar, unha vez rematado o escrutinio, a falta do voto exterior.

Os dous deputados que perde Fronte Ampla, que eran de Sumar, foron para o BNG (3), mentres que o PPdeG mantén os 13 e o PSdeG, os 7.

En porcentaxe de votos, o PPdeG obtivo un 43 % dos sufraxios e o PSdeG un 29 %, porcentaxes case idénticas ás de 2023, mentres que o BNG subiu 7 puntos ata o 16 %; Vox medrou 2 puntos ata superar o 7 % e Fronte Ampla caeu case 10 puntos (respecto a Sumar) ata o 1,6 %.

A participación en Galicia medrou case 18 puntos ata rozar o 80 %, fronte ao 61 % rexistrado en xullo de 2023.

Por provincias, A Coruña repartiu 4 escanos para o PPdeG (42 %), 2 para o PSdeG (27 %) e 2 para o BNG (18 %), a custa do que era de Sumar. O último escano decantouse a favor dos nacionalistas por 1.400 votos fronte aos socialistas, á espera do voto exterior.

Lugo mantén os 3 escanos para o PP (50 %) e 1 para o PSOE (30 %). Os 24.000 votos do BNG (12 %) non lle permiten conseguir representación e os socialistas quedaron a 7.000 votos de arrebatarlle un deputado aos populares.

En Ourense tamén se repiten os 3 escanos do PPdeG (50 %) e 1 do PSdeG (29 %). O BNG (12 %) sumou máis de 22.000 sufraxios, tamén sen representación, e os socialistas quedaron a 8.000 votos do último escano.

En Pontevedra son 3 escanos para o PP (39 %), outros 3 para o PSOE (32 %) e 1 para o BNG (17 %), que era de Sumar, aínda que neste caso os populares quedaron a máis de 20.000 votos de conseguir un dos deputados socialistas.

O PPdeG gaña en 300 concellos

O PPdeG foi a primeira forza en 300 concellos, mentres que o PSdeG gañou en 12 e o BNG se impuxo nun.

Os socialistas impuxéronse nas Pontes, Fene e Mugardos, na Coruña; en Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín, en Lugo; en Entrimo e Petín, en Ourense; e na Illa de Arousa, O Grove, Redondela e Vigo, en Pontevedra.

O BNG gañou en Vilar de Santos, na provincia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade