O Irixo podería vivir a primeira moción de censura despois das eleccións do 28M
Segundo fontes de Europa Press, Xuntos polo Irixo e PSOE asinaron un pacto para botar o PP da alcaldía
Xuntos gobernaría tres anos e o PSOE, o ano restante
O rexedor goberna en minoría e co apoio de 4 edís, fronte aos 5 que suman os dous partidos da oposición
Actual alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira
Aínda non se cumpriron dous meses da toma de posesión dos rexedores despois das eleccións do 28 de maio e sobre o municipio ourensán do Irixo planea xa a primeira moción de censura.
Xuntos polo Irixo e PSOE chegaron a un acordo para botar da alcaldía o popular Manuel Cerdeira.Antes da toma de posesión de xuño non foi posible alcanzar un acordo, que agora si fraguou.
En termos xerais, Xuntos e PSOE prevén impulsar unha moción de censura tras articular un acordo de coalición en que reparten o bastón de mando: tres anos do mandato terao a candidata de Xuntos e o restante, Iago Fariñas.
O actual alcalde, Manuel Cerdeira, volveu tomar posesión como rexedor o pasado 17 de xuño, pero en minoría e co apoio de 4 edís, fronte aos cinco que sumaban os tres concelleiros de Xuntos polo Irixo, con Susana Iglesias como candidata, e os dous do PSOE, con Iago Fariñas de voceiro.
Os detalles do acordo que asinarán os agora grupos da oposición e que dará pé á moción de censura daranse a coñecer, previsiblemente, o venres, data en que podería materializarse a presentación da iniciativa censora.
O PP critica o acordo
Despois de transcender o acordo de Xuntos e PSOE, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, remitiu un comunicado en que define o pacto como o reflexo "dunha triste loita de poder, unha repartición de cargos e de postos". "Cuestións que hai que poñer, sempre, por detrás dos veciños, sen priorizar nunca temas persoais ou partidistas", esgrimiu.