Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno di que Calvo cumpre "todos os requisitos" para dirixir o Consello de Estado

O Goberno di que Calvo cumpre "todos os requisitos" para dirixir o Consello de Estado

Vai substituír no posto a exministra socialista Magdalena Valerio, cuxo nomeamento anulou o Tribunal Supremo

Carmen Calvo asegura que exercerá o cargo con imparcialidade

G24.gal 13/02/2024 14:51

Carmen Calvo vai substituír no cargo a exministra socialista de Traballo, a Magdalena Valerio. O Tribunal Supremo anulou o seu nomeamento o pasado mes de novembro.

A nova presidenta do Consello de Estado réstalle importancia ao feito de que ela tamén formou parte do Goberno. A que foi vicepresidenta considera que "forma parte dos usos e costumes da política, aquí e en calquera democracia".

Calvo, doutora en Dereito Constitucional, asegura que exercerá o cargo con imparcialidade. Nunha entrevista na Cadena Ser asegurou ten "unha siglas" pero que o traballo vai "desempeñalo cunha certa nobreza e altura de miras".

Os socios da coalición, PSOE e Sumar, avalan o nomeamento. Para Pilar Alegría, voceira do Goberno, "o seu currículo e a súa experiencia son irreprochables e, polo tanto, cumpre con todos os requisitos".

Para o deputado de Sumar Gerardo Pisarello, o seu nomeamento é "lexítimo" xa que "é unha xurista que xa demostrou a súa competencia para exercer ese cargo".

Si hai críticas de Podemos. "Preocúpanos que o PSOE premie cun altísimo cargo nas institucións do Estado a unha persoa que claramente tivo posicións transfóbicas", declarou aos xornalistas Ione Belarra, secretaria xeral dos morados.

O PP acusa a Pedro Sánchez de usar as institucións como "portas xiratorias" para os seus. "Denunciamos novamente a colonización das institucións por Pedro Sánchez, unha colonización inda máis grave despois do fallo do Tribunal Supremo anulando o nomeamento dun membro do seu Consello de Ministros", afirmou a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra.

Antes de asumir oficialmente o cargo, Carmen Calvo deberá pasar polo Congreso para un exame de idoneidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade