Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno e ERC tentan pechar a crise pola lei do audiovisual

O Goberno e ERC tentan pechar a crise pola lei do audiovisual

A vicepresidenta Calviño cre que non se pode ignorar a normativa europea

A ministra Montero non ve perigar o acordo de presupostos

Antón Montero 01/12/2021 21:10

A lei do audiovisual é o novo crebadeiro de cabeza do Goberno. Á perrencha de Esquerra Republicana sumouse este mércores a dos propios socios do PSOE. En Unidas Podemos séntense ninguneados.

O presidente do grupo parlamentario, Jaume Asens, queixouse de que "o que tamén ten que facer o Partido Socialista é negociar connosco esa lei, porque agora mesmo estamos máis preto do non que do si".

Pero para o executivo é máis urxente recompoñer a relación con Esquerra. Os ministros de Presidencia e Facenda reuníronse por vía telemática con dirixentes republicanos.

Os cataláns queren garantías de que a lei obrigará tamén as plataformas con sede no estranxeiro a ofrecer o 6% dos seus contidos nas linguas cooficiais.

O executivo argumenta que Europa non o permite. A vicepresidenta Nadia Calviño explicou que "non podemos facer algo que contradiga o que di a directiva que estamos traspoñendo".

A crise chega cando os presupostos enfilan a recta final no Senado. Esquerra ameaza co voto en contra, pero no executivo non cren que chegue ese escenario.

A titular de Facenda, María Jesús Montero, cre que "a parte orzamentaria numérica está resolta e queda algún detalle na lei do audiovisual, que espero que en breve se poida resolver".

O PP non perdeu a ocasión para afear as alianzas do Goberno. Teodoro García Egea, secretario xeral da formación, ironizou con que "os españois non poden poñer a calefacción, pero Gabriel Rufián vai poder ver 'El juego del calamar' en catalán. Grande éxito deste Goberno!"

Esquerra ten ata o venres para decidir se presenta un veto aos presupostos no Senado. A suma dos seus votos cos da dereita non bastarían para tombar as contas, aínda que a relación co executivo podería quedar tocada para o resto da lexislatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade