O Goberno de Cuba responde a Trump: “Estamos dispostos a dar as nosas vidas”
“Cuba parece que está a punto de caer", dixo o presidente dos Estados Unidos o pasado domingo
Arquivo. Mensaxes de apoio a Venezuela nas rúas da Habana. REUTERS/Norlys Perez.
O Goberno de Cuba cargou este martes contra o presidente estadounidense, Donald Trump, e asegurou que na illa están dispostos a dar as súas vidas.
A reacción prodúcese despois de que Trump asegurase que o réxime cubano está “a punto de caer”.
Nunha mensaxe en X, o titular cubano de Exteriores, Bruno Rodríguez, asegurou que Trump amosa un “descoñecemento total sobre Cuba” e que “obvia, con toda intención, a súa política criminal de asfixia e guerra económica recruada contra Cuba, que provoca danos e desesperación ás familias cubanas”.
Trump dixo o domingo que Cuba se atopa á beira do colapso e apuntou que a súa economía está en ruína e que ademais agora non terá acceso ao petróleo venezolano.
“Cuba parece que está a punto de caer. Non sei como van poder manterse, non teñen ingresos. Recibían todos os seus ingresos de Venezuela, do petróleo venezolano”, asegurou o mandatario estadounidense. “Moitos cubano-americanos van estar moi contentos connosco”, engadiu.
Ao respecto, Rodríguez afirmou que o presidente dos Estados Unidos repite “a axenda de mentiras dos políticos cubano-americanos e doutros grupos de interese, blasfema e ameaza” ao “pobo” de Cuba.
Tras o operativo que deu coa captura de Maduro, o secretario de Estado norteamericano, o cubano-americano Marco Rubio, dixo que se “estivese na Habana, estaría preocupado aínda que fose un pouco”.
Durante o operativo militar que secuestrou a Maduro morreron 32 militares cubanos.
Segundo o Goberno insular, os falecidos “caeron tras unha férrea resistencia en combate directo contra os atacantes ou como resultado dos bombardeos”.
Moitos analistas apuntaran que o primeiro círculo de seguridade persoal de Maduro estaba conformado principalmente por cubanos, algo que Caracas e A Habana nunca confirmaran.
Caracas era ata agora o principal aliado político da Habana, así como o seu principal bastión económico, polos vitais envíos de cru venezolano que chegaban de forma regular á illa para alimentar a súa produción enerxética.
Ademais, segundo o New York Times, Cuba estaba á súa vez revendendo a China parte do petróleo que lle subministraba Venezuela, polo que A Habana estaría ademais perdendo unha fonte de divisas.
A illa, que importa o 80 % do que consome polo colapso da súa produción agrícola e industrial, precisa divisas para importar hidrocarburos e alimentos, e as súas outras fontes de ingresos —o turismo, as remesas e as misións médicas— atópanse en horas baixas.