O Fabril perde en Murcia (3-1) e queda fóra da loita polo ascenso
O UCAM aproveitou as súas dúas ocasións máis claras da primeira metade para encarreirar o choque
O Fabril meteuse no partido cun penalti e expulsión local, pero non puido empatar
Amín matou o encontro nunha contra no treito final
O Fabril quedou apeado da loita polo ascenso no partido de volta das semifinais diante do UCAM Murcia. Logo do empate sen goles de Riazor, todo quedaba para decidirse na Condomina, e alí saíu mellor o cadro local. Aos cinco minutos, Javi Ramírez entraba desde atrás para rematar un córner a gol. O Fabril buscou a reacción, pero non rematou entre os tres paus, e os murcianos agardaban a súa ocasión para matar o choque. Chegou á media hora, despois da pausa de hidratación. Un envío cara a Rubén del Campo na frontal, que o dianteiro rematou raso. O despexe de Alberto aproveitouno Ale Marín para facer o segundo.
Puido meterse no partido o Fabril no treito final da primeira metade, cun centro desde a esquerda de Guerrero que Mané cabeceou ao poste.
A segunda parte comezou co UCAM Murcia controlando o partido, e creando algún perigo a balón parado. Pero todo ía cambiar contra a hora de partido. Un balón á área acabou con penalti de Yeremy e o segundo cartón para o lateral, que vira o primeiro cinco minutos antes. Kevin anotou o penalti para deixar o Fabril a un gol de igualar a eliminatoria.
Tivo na man a remonta o Fabril, pero non foi quen de marcar cos locais parando o ritmo do encontro constantemente. Os murcianos, ademais, conseguiron o gol que mataba a eliminatoria. Fi nunha contra que resolveu o ex-xogador do Ourense C. F. Amín. O 3-1 mete o UCAM na final polo ascenso. O Fabril seguirá a temporada que ven na Segunda Federación.