Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cristóbal Montoro aposta por rebaixas fiscais ás rendas máis baixas fronte á inflación

Cristóbal Montoro aposta por rebaixas fiscais ás rendas máis baixas fronte á inflación

O exministro de Facenda di na Radio Galega que é momento de revisar as regras fiscais e non de suspendelas como propón a Comisión Europea

 

G24.gal 20/05/2022 10:52

Cristóbal Montoro, quen fora ministro de Facenda nos gobernos de José María Aznar e Mariano Rajoy, non comparte a proposta da Comisión Europea de manter en suspenso un ano máis as regras fiscais. Montoro pensa que neste momento de recuperación económica é necesario esixir límites para o déficit e a débeda pública.

"Sería bo que a Unión Europea tivese regras que fortalezan os países membros; non teñen porque ser as regras do pasado, sería positivo revisalas para melloralas, pero deberían volver as regras fiscais igual que están volvendo as de carácter monetario. A razón é que estamos nunha fase na que a maioría dos países están recuperando o PIB de antes da pandemia, non é o caso de España que foi dos países máis prexudicados por razón da nosa estrutura económica, pero neste momento de inflación elevada é necesario revisar as normas. Non é momento de expandirse fiscalmente senón de recoller velas tamén en termos de reducir déficit público e, en consecuencia, o peso da débeda pública sobre o PIB".

Sobre a suba das pensións, o exministro Montoro pensa que non debera ser só en función do IPC.

"A suba das pensións non debería ser homoxénea, non facerse só en función do IPC, deberían subir as pensións máis baixas un 3 por cento e as máis elevadas un 1,6 por cento. Marcar diferenzas reforza a distribución equitativa do sistema de pensións".

Cristóbal Montoro tamén propón aplicar rebaixas tributarias que axuden a paliar os efectos que está tendo a inflación nas rendas máis baixas.

"A recadación de impostos está medrando e xa acada niveis inéditos, agora debera usarse parte desa recadación para compensar a perda económica das clases máis afectadas pola inflación, isto é, as rendas medias e medias-baixas. A inflación é o imposto máis inxusto porque é o que peor compensa as rendas baixas, debérase usar parte desa recadación en mellorar a capacidade económica dos salarios".

Cristóbal Montoro tamén se referiu á volta do rei Xoán Carlos a España despois de que marchara hai case dous anos a Abu Dhabi pola investigación dos seus negocios no estranxeiro, o exministro aposta por seguir mellorando os controis fiscais.

"Hai que mellorar os controis, a regulación e a loita contra a fraude e a ocultación de rendas fóra de España. Avanzamos moito porque agora existe intercomunicación entre países, pero hai que seguir afondando nese camiño".

O exministro do PP cre que o momento político actual "é difícil e preocupante" e di que "todos debemos colaborar e ofrecer a nosa experiencia para saír da crise actual".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade