O empate do Coruxo non lle permite abrir fenda co posto de promoción de descenso
Bugarín adiantou o equipo vigués e Dani Hernández empatou cun penalti dubidoso
O Coruxo non conseguiu abrir unha fenda co posto de play out despois do empate no campo do Vao ante o Zamora. Tivo o partido na man o equipo de Javier Maté, pero acabou igualando o do galego Yago Iglesias cun penalti moi protestado.
Tamén se discutiu un gol anulado a Manu Viana nos primeiros intres do partido. O dianteiro zamorano estaba en fóra de xogo segundo o asistente. O encontro foi moi disputado, cun Coruxo despregando un bo fútbol. Froito dese dominio chegou o tanto marcado por Erik Bugarín, o primeiro como profesional.
Quedaban cinco minutos para o final do partido cando o árbitro volveu coller protagonismo e asubiou un penalti na contra do equipo verde. Dani Hernández transformouno e puxo o empate definitivo.