Cargando resultados...
O Deportivo xuvenil remonta un 0-2 e métese nos cuartos
Diego Gómez marcou o definitivo 3-2 no minuto 85
G24.gal
25/01/2023 21:28
Espectacular remontada do Deportivo Xuvenil nos oitavos de final da Copa do Rei xuvenil. Comezou perdendo por 0-2 e na segunda parte conseguiu pasar por riba de todo un Atlético de Madrid, ao que eliminou cun 3-2.
O equipo de Fernando Torres parecía ter a situación controlada cun dobrete de Adrián Niño, o segundo de penalti. O Deportivo reaccionou ao comezo da segunda parte co gol de Mardones. No 61 era o rioxano Martín Ochoa, habitual no Fabril, o que poñía o empate a dous.
O momento da tarde en Abegondo fíxose agardar pero no minuto 85 apareceu o ourensán Diego Gómez, outro dos que o xoga todo co Fabril malia ser de 2004, para poñer o definitivo 3-2 e provocar o delirio no Mundo do Fútbol.