Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo volve gañar en Riazor diante dun combativo Albacete (2-1)

O Deportivo volve gañar en Riazor diante dun combativo Albacete (2-1)

Yeremay e Villar (pp) estableceron un 2-0 que encarreiraba o partido ao descanso

Obeng acurtou diferenzas, pero os coruñeses aguantaron a presión final

G24.gal 08/02/2026 18:13

Máis de dous meses despois, o Deportivo volveu gañar en Riazor. Foi nun sufrido partido contra o Albacete, que conseguiu acurtar diferenzas logo dun 2-0, e acabou buscando a igualada.

O partido comezou con susto. Aínda non se xogaran dous minutos cando un centro desde a esquerda rematábao Jefté, lixeiramente por riba do traveseiro. O Deportivo íase asentando, pero o segundo aviso visitante levaba a signatura de Víctor.

O Deportivo non avisou. No minuto 24, golpeaba directamente. Foi nunha parede na frontal entre Yeremay e José Ángel. O canario remataba ao pau longo, lonxe do alcance de Diego Mariño. Un golazo para abrir a conta.

Nos últimos minutos o Albacete volveuse botar arriba, e tivo algunhas ocasións á busca do empate. Primeiro rematou de lonxe Lazo, parando Ferllo. E despois foi Vallejo o que remataba, acabando o balón fóra. O minuto 44 Víctor Valverde si remataba á rede, pero o árbitrou sinalou falta do atacante sobre Mella no roubo. Non subiu ao marcador este gol, e si o segundo do Deportivo no tempo engadido. Un centro desde a dereita de Alti desviábao Javi Villar contra a súa propia portería.

A segunda metade comezou co Albacete á busca de acurtar diferenzas, especialmente por medio dun activo Víctor Valverde. E o Deportivo atopábase cómodo á busca dos espazos, saíndo con perigo á contra. Jogo tivo o 2-1 nun remate que saíu un chisco cruzado no 61’- E, xusto a seguir, Obeng marcaba de chilena despois dunha internada ata a liña de fondo. Había partido.

O gol non arrefriou ao Deportivo, que se botou arriba e meteu ao Albacete no seu campo. Nese treito pisou área con perigo en varias ocasións, tendo Yeremay a máis clara, que non puido rematar. Pero o Albacete seguía creando perigo. Agus Medina remataba desde a frontal da área pequena ás mans de Ferllo. E, no minuto 80, Ferllo sacaba unha man espectacular para evitar o empate de Alex Rubio.

Entrou o partido no treito final totalmente aberto, e co Albacete á busca da boa, pero o Deportivo aguantaba. E a última foi do equipo coruñés, cun roubo de Yeremay, cun centro chut ao que non chegou Mulatieri para empuxala. Non importou. A vitoria quedou en Riazor, onde o Deportivo conseguiu gañar meses despois, para encadear dous triunfos que o manteñen na pelexa polos postos de ascenso

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos