O Deportivo reencóntrase cos afeccionados de Londres nunha comida informal
O cadro coruñés atópase de xira no Reino Unido e o sábado xogará diante do Middlesbrough
O Deportivo atopouse cos seus afeccionados en Inglaterra unha década despois da súa última visita ao Reino Unido nun encontro en Londres con seguidores deportivistas que gozaron dunha comida informal co equipo e corpo técnico. O Dépor caeu derrotado este mércores nun amigable contra o Watford no primeiro partido desta xira de verán antes de ir cara a Middlesbrough, onde xogarán o 2 de agosto o derradeiro partido antes de volver a Galicia.
"Estamos traendo xente con moita ambición. O adestrador estanos metendo esa ilusión, e penso que é o momento de dar un paso cara a arriba", confesou Sergio Escudero, un veterano neste equipo cheo de novos talentos. Para Helton Leite hai "boas sensacións" a pesar da derrota diante do Watford e valorou a oportunidade "competir e coñecer cada día máis ao adestrador contra equipos moi duros" como son os ingleses.