Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo mantén o ritmo do ascenso cun triunfo mínimo co Eibar (1-0)

O Deportivo mantén o ritmo do ascenso cun triunfo mínimo co Eibar (1-0)

Un gol solitario de Zaka decidiu o partido no minuto 16

O cadro coruñés aguantou sen problemas as acometidas do peor visitante da categoría

G24.gal 21/02/2026 18:07

O Deportivo recuperou a fiabilidade na casa cun triunfo sobre o Eibar que o relanza na pelexa polos primeiros postos. Foi un triunfo mínimo, cun gol solitario de Zaka, pero que o cadro coruñés non tivo excesivos atrancos para defender.

O partido comezou de xeito espectacular para o Deportivo, que estivo a piques de adiantarse na primeira acción de ataque. Un córner botado desde a dereita que non acabou na rede porque o sacou Cubero desde a mesma liña. E a segunda chegou desde a esquerda, cun centro de Escudero que Villares cabeceou desviado.

O Eibar tampouco renunciaba ao ataque, e Martón tivo unha ocasión clarísima no minuto 9, cun remate que sacou Ferllo, e un rexeitamento que volveu rematar, fóra. E pouco despois era Corpas o que probaba fortuna sen atopar a portería.

Pero o primeiro gol caeu do lado local. Mario Soriano fixo unha gran xogada pola dereita, e asistiu desde a liña de fondo para que Zakaria so tivese que rematar á rede. Era o minuto 16. O Eibar intentou reaccionar, pero o Deportivo resistiu as acometidas sen problemas e volveu inclinar o campo ao seu favor. Apareceu Yeremay, que dispuxo dun par de balóns na área rival, pero non creou perigo. E, nos minutos finais do primeiro tempo volveu cargar o Eibar, pero ao descanso chegouse sen ocasións claras.

A segunda metade comezou co cadro armeiro máis enchufado, e a primeira levou a signatura de Peru Nolaskoain nunha cabezada a saque dunha falta. Pero o Deportivo aguantaba sen excesivos problemas, e buscaba matar o choque. Villares rematou un centro de Yeremay, e o balón acabou en córner. A máis clara ía chegar case sen querer, cun balón rexeitado a Adu Ares que se acabou estrelando no pau de Ferllo.

O partido entrou nunha fase de ida e volta, con ocasións para os dous equipos. No minuto 84, Mulattieri e Patiño dispuxeron dunha dobre ocasión inmellorable para pechar o encontro, pero non estiveron atinados. Volveu rematar Patiño unha contra no 87, e mandou a pelota a córner Magunagoitia. E o porteiro dispuxo da última á busca do empate dos seus, cunha cabezada sen problemas para Ferllo. Esmoreceu o partido, que aínda tivo tempo para a expulsión postreira de Yeremay por dobre cartón, e fíxoo con vitoria do Deportivo, que suma 46 puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade