O Deportivo asina contra o Ceuta a cuarta vitoria consecutiva (2-1)
O cadro de Hidalgo púxose 2-0 na segunda metade, pero acabou sufrindo
A vitoria devólvelle o liderado aos coruñeses
O Deportivo acadou a cuarta vitoria consecutiva diante do Ceuta en Riazor, que lle devolve o liderado da Segunda División. Foi nun partido en que tivo que tirar de acerto rematador e de oficio, diante dun máis que digno rival. Porque o Ceuta saíu valente ao céspede de Riazor, co Deportivo buscando tamén as súas opcións, como unha de Yeremay antes do minuto 10. Pero no 12 chegaba a primeira gran ocasión dos visitantes, unha boa internada na área de Konrad que rematou a gol, topando cunha boa parada de Germán Parreño.
O Deportivo foise facendo aos poucos co control do partido, e chegaba algunha acción polémica, como unha falta botada á área na que José Ángel pedía un penalti que o árbitro non concedeu.
Superada a media hora de xogo, Germán tivo que empregarse outra vez para evitar o tanto ceutí, aínda que o balón perecía sair pola liña de fondo antes do centro. E, no treito final, un rexeitamento na área bateu en Konrad e marchou preto da porta coruñesa.
Pero a mellor do Deportivo estaba por chegar, despois dunha xogada persoal de Yeremay, que marchou de Anuar para centrar. O remate de Mulattieri sacouno a córner Guille Vallejo. E, no saque desde o curruncho, remataba Yeremay e Carlos Hernández rexeitaba cara a súa propia portería. Gol do Deportivo para levar o partido ao descanso, e que puideron ser dous se nunha contra pouco despois atinaran primeiro Soriano e despois Luismi, que topou no traveseiro.
A segunda metade comezou cunha clara do Deportivo. O centro de Yeremay non atopou rematador, e o rexeitamento mandouno Soriano ás nubes.
Á contra meteu Bodiger o medo no corpo de Riazor, cun remate desde o centro do campo que estivo a piques de sorprender a parreño. Non recuou o Deportivo, que tivo unha nova ocasión nun disparo de Villares rexeitado para que José Ángel disparase fóra.
Era o preludio do 2-0. Un balón en profundidade para Stoichkov, que acababa de entrar, definiuna o dianteiro cunha vaselina que bateu no defensor e superou a Guille Vallejo. O gol espoleou a un Ceuta que, sen nada que perder, volvía topar con Parreño nun remate de Marcos que batía en Quagliata. E, a dez da conclusión, metíase outra vez no encontro. Foi cun remate de Marcos Fernández en posición nunha xogada cunha posición moi axustada. O VAR validou o 2-1.
A reacción deportivista correu a cargo de Yeremay, que primeiro pediu penalti nun intento de remate a saque dun córner, e despois quedou no man a man diante de Guille Vallejo estrelando a pelota no porteiro.
O resultado seguía aberto e o Ceuta agobiou nos últimos minutos, cun remate de Bodiger e, sobre todo, con outro de Diego González que non atoparon portería. Rematou o encontro, e o Deportivo amarrou a cuarta vitoria consecutiva, que o devolve ao más alto da táboa.