O Deportivo acaba a pretemporada cun triunfo no Carballiño (0-3)
Davo, Lucas Pérez e Diego Gómez marcaron os goles
O porteiro do Arenteiro paroulle un penalti a Lucas
O Arenteiro e o Deportivo remataron o tempo de probas cun amigable en Espiñedo. O equipo coruñés gañou por 0-3 aínda que os dous últimos goles chegaron a partir do minuto 84.
O máis destacado do partido foi o xuvenil do cadro deportivista Mella que coa súa velocidade foi un pesadelo para a defensa do Arenteiro. O seu traballo na presión permitiu que Davo marcase o primeiro gol. E Mella forzou un penalti que Lucas non acertou a marcar pola parada de Diego García. Mereceu marcar algún gol porque o perigo deportivista viña sempre da súa man.
Unha falta botada por Pibe puido poñer o empate. O Arenteiro tivo bos minutos e ameazou a porta de Parreño. Acabou decidindo o encontro un erro de Pablo Brea, cedido polo Dépor no Areneiro. Lucas marcou o segundo no 84 e outro canteirán como Diego Gómez fixo o terceiro no 86.