O Dépor quere curar feridas ante o modesto Sámano, nun encontro ofrecido pola TVG
Os de Antonio Hidalgo visitan Castro-Urdiales para xogar unha eliminatoria de Copa en que parte como claro favorito
O encontro é ás 21:00 horas, e será ofrecido en directo pola primeira canle da TVG
Hoxe xoves dispútase a terceira xornada da semana de Copa do Rei. Ás 21:00 horas, e ofrecido en directo pola primeira canle da TVG, o Deportivo xogará no campo do Sámano, un equipo cántabro de Castro-Urdiales que vai penúltimo no Grupo I da Segunda RFEF e que só gañou un partido.
O Deportivo chega a esta eliminatoria cos ecos do empate contra o Valladolid en Riazor, que ampliou a cinco partidos a serie sen gañar.
"Seguramente foi o peor partido desde que estou aquí. O mellor foi o resultado. Falamos do que queremos, onde empezamos e onde queremos ir. Hai unha igualdade máxima na categoría que os últimos anos non se vía. O importante é atopar equilibrio que deixamos de ter. O equipo está feito para ter balón", afirmou Antonio Hidalgo.
Referiuse á Copa como unha oportunidade para "ser constantes e plasmar as ocasións ante o Sámano". O adestrador do equipo coruñés recoñeceu que haberá oportunidades para os menos habituais do primeiro equipo e varios fabrilistas.