O Celta podería conseguir a clasificación europea nos partidos da xornada do xoves
Unha derrota do Osasuna contra o Atlético e o empate do Raio contra o Betis deixaría o equipo de Giráldez clasificado de xeito matemático para Europa
O Celta podería afrontar as dúas últimas xornadas do campionato coa clasificación europea no peto. A primeira premisa era a vitoria no Reale Arena e esa conseguiuna por 0-1. Había 4 equipos que pelexaban co cadro vigués por dous postos europeos. Un deles xa non pode alcanzar o Celta. A derrota do Valencia fronte ao Alavés evita esa posibilidade. O outro resultado que se precisaba era unha derrota do Mallorca, que chegou no minuto 95 contra o Real Madrid.
Agora hai que agardar os partidos da xornada do xoves para o que podería ser unha clasificación xa matemática nesta xornada 36. Terían que darse dous resultados: que o Osasuna perdese contra o Atlético de Madrid e que o Raio Vallecano non sexa capaz de gañarlle ao Betis. Nese caso o Celta tería garantida unha praza entre os oito primeiros pase o que pase nas dúas últimas xornadas da Liga.