O Celta estrea organigrama e non prolongará o acordo co Gran Peña
Álex Otero: "Creouse coa idea de que fóra nalgún momento parte aliñada coa estrutura do Celta, pero hai un momento de dificultades legais"
O Celta estrea un organigrama de fútbol que presentou esta mañá Marco Garcés. A partir de agora, Edu Covelo exerce de director de metodoloxía; Álex Otero, de scouting; Álex Andújar, de ciencias do deporte; Míchel Martínez, de administración, e o doutor Juan José García Cota -xefe dos servizos médicos do club-, de ciencias da saúde; o organigrama complétase con Claudio Giráldez como adestrador do primeiro equipo e co propio Garcés no centro.
O anuncio máis inesperado foi que non seguirán o acordo coa Celta Fortuna co obxectivo de "acelerar os procesos".
Álex Otero detallou o motivo desta decisión.
"Creouse coa idea de que fóra nalgún momento parte aliñada coa estrutura do Celta, pero hai un momento de dificultades legais no que os xogadores xuvenís do Celta non poden acceder ao Gran Peña durante a súa etapa xuvenil e eses limita moito esa aceleración do proceso".
Tratarán de facer "unha transición o máis suave posible, colaborando deportiva, e economicamente, con eles para que o Gran Peña siga existindo coa nosa colaboración, pero non baixo o noso paraugas".