O Celta cítase coa historia en Friburgo
O equipo de Giráldez buscará encarrilar o seu regreso a unha semifinal continental, nove anos despois
O conxunto alemán encadea nove triunfos seguidos como local na liga Europa
Foto Celta
Amarrado ao seu espectacular rendemento como visitante, co mediocentro uruguaio Matías Vecino listo para reaparecer tras superar a lesión muscular sufrida no partido de volta da anterior eliminatoria europea, o Celta encara este xoves outro enorme desafío no Europa-Park Stadion de Friburgo, onde lle espera un rival ferido no seu orgullo tras ver como o Bayern Múnic levantáballe o pasado sábado un 2-0 para afastalo, case de xeito definitivo, da pelexa pola sexta praza da Bundesliga.
O equipo de Claudio Giráldez cítase coa historia en Alemaña, onde buscará encarrilar o seu regreso a unha semifinal continental nove anos despois de que o francés Claudio Beauvue e o sueco John Guidetti tivesen unha inmellorable oportunidade en Old Trafford para cambiar a historia do Celta. Aquel día, na última xogada do encontro, Beauvue pecou de xenerosidade e no canto de tirar decidiu buscar o pase cara a Guidetti, que a porta baleira fallou para que bágoas de dor alagasen os ollos do celtismo.
O seu equipo perdía ante o Manchester United de Jose Mourinho o pase á final da UEFA.
“Vou loitar e deixarme a pel para intentar volver estar aquí”, dixo, tras o encontro e cos ollos arroibados, o futbolista máis importante da historia do Celta, Iago Aspas, a quen Giráldez recupera para o duelo de mañá despois de que non viaxase a Mestalla por unha lesión no tendón de Aquiles. O gran rendemento de Fer López en Valencia e o xogo físico do rival invitan a pensar que Aspas non será da partida.
Todo o contrario sucede con Matías Vecino, quen apunta a formar xunto a Moriba o dobre pivote. O Celta necesita experiencia, e o uruguaio xa demostrou ante o Lión que non se engurra nas grandes citas. A outra novidade será a volta de Borja Iglesias á dianteira, xa que o central sueco Carl Starfelt non se recuperou da lumbalxia coa que regresou de xogar coa súa selección e é baixa por segundo partido consecutivo.
O Friburgo, que sacou o primeiro billete da súa historia para os cuartos de final dun torneo continental tras esmagar ao Genk belga, encadea nove triunfos seguidos como local na liga Europa. Outro reto para o Celta, que este curso xa acabou coa imbatibilidade de Estrela Vermella e PAOK nos seus respectivos estadios.