Publicador de contidos

Publicador de contidos

O bloque da investidura rexeita as emendas á totalidade do PP e Vox á amnistía

O bloque da investidura rexeita as emendas á totalidade do PP e Vox á amnistía

A emenda do PP foi votada de viva voz e saldouse con 171 votos a favor e 178 en contra sen que o presidente Sánchez estivese na votación 

A emenda de Vox, votada telematicamente, só foi apoiada polos 33 deputados da formación

Míriam Nogueras, deputada de Junts per Catalunya, no momento da votación Míriam Nogueras, deputada de Junts per Catalunya, no momento da votación
G24.gal 10/01/2024 19:51

O pleno do Congreso rexeitou este mércores cos votos do bloque da investidura as emendas á totalidade presentadas á lei de amnistía polo PP e Vox, que non conseguiron apoios para as súas propostas de endurecer o Código Penal fronte á "deslealdade constitucional" do independentismo e mesmo ilegalizar partidos.

A emenda do PP foi votada de viva voz e saldouse con 171 votos a favor, 178 en contra e a rechamante ausencia do hemiciclo do presidente do Goberno Pedro Sánchez, que non estaba cando chegou a súa quenda.

A emenda de Vox, votada telematicamente, só foi apoiada polos 33 deputados da formación que lidera Santiago Abascal.

Unha lei de amnistía a cambio de sete votos, denunciaron no pleno PP e Vox

Unha lei para "estirar a agonía" da presidencia de Pedro Sánchez, advertiu a voceira popular Cuca Gamarra, que denunciou a "humillación" do PSOE ante os seus socios independentistas e defendeu a necesidade de tipificar como delito a deslealdade constitucional: "É o que fan as democracias modernas cando están en perigo".

A voceira de Vox no Congreso Pepa Millán defendeu a súa emenda como "unha reprobación do Goberno no seu conxunto", pero non recibiu nin os votos dos populares.

Os deputados de Vox si que apoiaron a emenda popular, que foi rexeitada polo bloque da investidura. Mesmo Coalición Canaria, que se opuxo á lei de amnistía cando chegou por primeira vez ao pleno en decembro, criticou unhas emendas que, en palabras da súa deputada Cristina Valido, son "desproporcionadas" e "rozan perigosamente a condena das ideas".

En nome do PSOE, Artemi Relo defendeu a lei de amnistía como lexítima e constitucional, ademais de "oportuna e necesaria" para tentar "salvar o conflito de Cataluña", e cargou contra o PP por pretender tipificar a deslealdade constitucional e bloquear durante cinco anos a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Un bloqueo que tamén reprochou aos populares o voceiro de Sumar Enrique Santiago, quen rexeitou de plano que se tente "perseguir ideas" ou ilegalizar partidos por decisións políticas.

Nesa liña, o voceiro de ERC Gabriel Rufián considerou que o "perigoso" son as emendas con texto alternativo de PP e Vox e non a lei de amnistía e lembrou ao PP que hai apenas un ano se opuxeron a unha proposta de Vox para ilegalizar partidos.

En Junts, Josep María Cervera denunciou que se tente "criminalizar a actividade do independentismo" e deixou claro que a súa solución "para o futuro de Cataluña sempre será a independencia".

Por parte do PNV, Mikel Legarda rexeitou unhas emendas que, na súa opinión, pretenden tratar as "realidades nacionais distintas á española" como un "problema de orde pública", mentres que o voceiro de EH Bildu Jon Iñarritu criticou o PP por converter un conflito político nun "policial ou violento", como ao seu xuízo fixeron en Euskadi tras a fin de ETA.

No grupo mixto, Martina Velarde (Podemos) acusou ao PP e a Vox de iren en contra de "todo o que sirva para avanzar como país", e o deputado do BNG Néstor Rego de usar a "mentira e a manipulación", como cre que fixo a Xunta de Galicia coa marea de granulados de plástico.

Fronte a eles, o deputado de UPN Alberto Catalán si que apoiou a emenda do PP fronte a unha lei que tachou de "ilegal e inconstitucional" e que, ao seu xuízo, é froito dunha "compra de votos, como o foi tamén a entrega do Concello de Pamplona a Bildu".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade