Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BCE sobe os tipos de xuro en tres cuartos de punto, ata o 2 %

O BCE sobe os tipos de xuro en tres cuartos de punto, ata o 2 %

O prezo dos cartos sitúase no seu nivel máis elevado desde xaneiro de 2009

G24.gal 27/10/2022 14:20 Última actualización 27/10/2022 16:14

O Banco Central Europeo (BCE) subiu hoxe os seus tipos de xuro en tres cuartos de punto porcentual, ata o 2 por cento, para frear a inflación da zona do euro, que roza o 10 por cento.

Desta forma, o prezo do diñeiro situouse no seu nivel máis elevado desde xaneiro de 2009.

O BCE dixo que "prevé seguir incrementando os tipos de xuro para asegurar o retorno oportuno da inflación ao seu obxectivo do 2 % a medio prazo".

Tamén reitera que tomará as decisións sobre os tipos de xuro oficiais segundo "a evolución das perspectivas de inflación e da economía" e que as decisións se adoptarán en cada reunión.

A entidade monetaria considera que "a inflación segue sendo excesivamente elevada e manterase por encima do obxectivo durante un período prolongado.

O BCE lembrou que en setembro a inflación na zona do euro situouse no 9,9 %, e afirmou que a súa política monetaria "está orientada a reducir o apoio á demanda e proporcionar protección fronte ao risco dun desprazamento persistente á alza das expectativas de inflación".

Tras a reunión do Consello de Goberno, o BCE informou de que tamén incrementa en 75 puntos básicos a facilidade de crédito, a que presta aos bancos a un día, ata o 2,25 %, e a facilidade de depósito, á que remunera o exceso de reservas a un día, ata o 1,5 %.

O Consello de Goberno prevé seguir reinvestindo integramente o principal dos bonos adquiridos no programa de compra de débeda APP que vaian vencendo durante un período prolongado tras a data na que comezou a subir os tipos de xuro.

A entidade tamén vai reinvestir o principal dos bonos adquiridos pola pandemia que vaian vencendo polo menos ata o final de 2024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade