O Athlétic castiga a un Atlético rañicas
Remontou con dous goles de Yeray e Nico Williams nun espazo de cinco minutos

O Athlétic xogará a final da Supercopa de España contra o Real Madrid despois de dar a sorpresa e derrotar a un Atlético rañicas que se vía co partido controlado arriscando o mínimo e acabou perdendo ao encaixar dous goles en menos de cinco minutos.
O primeiro tempo comezou con polémica; un gol anulado a Joao Félix por un fóra de xogo claro, un posible penalti cometido sobre Lemar na área do Athlétic e outro sobre Sancet na do Atlético. Foron dez minutos con algo de fútbol que quedaron niso porque pouco máis houbo que subliñar.
Na segunda metade o partido seguía con ritmo pero sen calidade ata que marcou o Atlético. Foi nunha cabezada de Joao Félix que se espetou no pau e que Unai Simón meteu coas costas na súa portería.
O Athlétic meteu un triplo troco e botouse en tromba polo empate a partir do minuto 70. Yeray e Iñaki Williams avisaron, e no 77 o propio Yeray rematou á rede un córner. Lonxo de conformarse o Athlétic seguiu castigando a un rival que estaba tocado e no 81 Nico Williams rematou axustado noutro rexeite á saída dun saque desde o recanto.
Atlético: Oblak, Vrsaljko, Giménez, Hermoso, Kondogbia (De Paul 51'), Llorente (Lodi 46'), Carrasco, Koke (Herrera 84'), Lemar (Cunha 84'), Correa (Luis Suárez 72'), Joao Félix.
Athlétic: Unai Simón, De Marcos, Yeray, Íñigo, Balenciaga (Yuri 75'), Berenguer (Nico Williams 70'), Zárraga (Vesga 70'), Muniain, Dani García, Iñaki Williams, Sancet (Raúl García 70').
Goles: 1-0 Unai Simón 62' pm, 1-1 Yeray 77' 1-2 Nico Williams 81'