O Arenteiro, en quebra: Marnotes deixa a presidencia cunha débeda de 1,7 millóns
O club carballiñés necesitará dispoñer de 500.000 euros a curto prazo para poder competir en Segunda Federación
Marnotes: "Alguén ten que vir e que poña os cartos"
Ante a presenza duns 200 afeccionados na tribuna do campo, o presidente, Argimiro Marnotes, acompañado da xunta directiva, desvelou a cifras da crítica situación económica do club e avanzou que deixa o cargo. Marnotes debullou débeda do club:
“A situación económica é seria, pero non todas as débedas teñen a mesma urxencia. A prioritaria é con xogadores e corpo técnico, que ascende a 428.000 euros e que en caso de non atendela, levaríanos a un descenso administrativo, co que caeriamos en Terceira Federación".
"Con outros traballadores do club temos 30.000 euros e con certeza Social e Facenda unha fixa de 220.000 e outra negociable de 300.000. Isto tamén é importante, porque o non estar ao día condiciona á hora de poder recibir subvencións pendentes. Ademais, sobre 70.000 de débeda federativa, 453.000 euros con provedores e 195.000 euros a longo prazo. En total, a débeda aproximada sitúase en 1.696.000 euros”.
Aínda que Marnotes matizou que “temos uns ingresos previstos de 850.000 euros, o que baixaría a débeda a un saldo negativo de 846.000 euros.
A situación é grave e difícil, si, pero non imposible e pensamos que hai saída”. Tamén anunciou que “o club deu o paso de acudir a un preconcurso de acredores. Isto non é renderse, é ter máis tempo para chegar a acordos cos acredores para intentar poder facerlle fronte e que o club non quede bloqueado”.
Marnotes tamén fixo un chamamento.
"Alguén ten que vir e que poña os cartos".