Publicador de contidos

Publicador de contidos

O ministro saharauí para a UE asegura que España reafirma a soberanía de Marrocos en contra do dereito internacional

O ministro saharauí para a UE asegura que España reafirma a soberanía de Marrocos en contra do dereito internacional

Ubi Bucharaya considera que a decisión España se desmarca do resto de potencias, freando calquera negociación posible entre os dous territorios

Reducir o Magreb só a Marrocos e ós seus intereses é un erro de estratexia, engade Bucharaya

G24.gal 22/03/2022 13:14

Na véspera da visita do presidente Sánchez a Ceuta e Melilla e no medio das discrepancias no seo do Goberno por mor do cambio de política cara ao Sáhara occidental, na Radio Galega falaron esta mañá con Ubi Bucharaya, ministro saharauí para a Unión Europea.

Sobre o cambio de posicións na política do Goberno cara o Sáhara, aclarou Bucharaya que se trata dun xiro radical que colleu o pobo saharauí por sorpresa en moitos aspectos, unha aposta clara a favor de Marrocos en contra dos dereitos dos saharauís. 

"Apoiar a proposta de autonomía marroquí non é nada máis que oficializar a ocupación do territorio antes de calquera consulta do noso pobo a través do seu dereito ao exercicio de autodeterminación", argumenta.

Para o Ministro saharauí, aceptar a proposta de autonomía de Marrocos, na práctica frustraría o referendo de autodeterminación do Sáhara. Aclara Bucharaya que para o pobo saharauí esa autonomía pode ser unha opción máis, pero corresponde só ao pobo saharauí decidir sobre o seu estatus definitivo, e así o recoñece o dereito internacional. 

Engade tamén que este cambio de postura interfire no proceso de negociación das Nacións Unidas para os dous territorios e supón un aborto a ese proceso antes de reactivalo. Ademais, España é a única que se decanta abertamente pola opción de Marrocos, mentres o resto de potencias, entre elas EUA, manteñen a neutralidade e remiten ás resolucións emitidas pola ONU que contemplan tanto a proposta de autonomía de Marrocos, como o dereito a referendo de autodeterminación do Sáhara. 

Postura de Alxeria

Respecto á reacción de Alxeria e as consecuencias comerciais que podería ter este cambio de posicións do Goberno, en materias como o gas, aclara Bucharaya que o Goberno comete un erro de estratexia ao reducir o Magreb só a Marrocos, e que a unión dos pobos de Alxeria sente esta postura de España.

Neste punto, remarca o ministro, cómpre ter en conta o Magreb como conxunto territorial estratéxico, ás portas de Europa, cun gran potencial económico e en materia de seguridade.

"O Magreb debe ser considerado como un socio diverso máis alá dos intereses de Marrocos", engade.

Campos de Tinduf

Sobre a vida nos campos de refuxiados, non é doada, aclarou, pero desde 1975 as autoridades da república saharauí traballan por asentar as estruturas sociais necesarias para que as xentes poidan desenvolver a súa vida con garantías sanitarias, educación, participación social.... Considera Bucharaya que a posición de España, lonxe de impactar negativamente, motivará aínda máis os saharauís para seguir loitando por un territorio que lles pertence e que así recoñece o dereito internacional.

Apoio da Comisión Europea

Sobre esta cuestión, remarca Bucharaya que Europa apoia estabilizar a relación entre España e Marrocos, pero respecto ao Sáhara, remite ás Nacións Unidas e ao dereito internacional, desmarcándose totalmente da decisión que vén de adoptar España.

"O máis perigoso nesta decisión é que Marrocos sentía presión de moitas partes (EUA, UE, Unión Africana...) para sentar a negociar con nós. Agora España é quen lle da ese balón de osíxeno para seguir coa súa política de desafío e bloquear todo", remata.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade