Publicador de contidos

O Andorra esnaquiza o Lugo nun cuarto de hora e deixa a Hernán na corda frouxa

O Andorra esnaquiza o Lugo nun cuarto de hora e deixa a Hernán na corda frouxa

Aguantou o empate ata o minuto setenta pero acabou goleado (4-0)

Bundu e Bakis marcaron por partida dobre

G24.gal 20/11/2022 18:04

O Lugo volve goleado de Andorra (4-0) e deixa a Hernán Pérez na corda frouxa. Aguantou o empate inicial ata o minuto setenta pero o Andorra fixo sangue en quince minutos pletóricos en que marcou catro goles. 

Non xogou un mal primeiro tempo o cadro lucense. De feito as mellores ocasións foron para Chris Ramos, pero atopouse cun porteiro andorrano en estado de graza. Sebas Moyano tamén tivo a súa cun remate que acabou petando no traveseiro. O Andorra, fiel ao estilo do seu adestrador, buscou o xogo combinativo e tamén dispuxo de boas ocasións, que resolveu Whalley. En total, dezasete disparos a portería entre os dous equipos no primeiro tempo. 

O partido mudou na segunda parte. O Lugo desapareceu en ataque e o Andorra foi dando pasos cara adiante e gozando cada vez de mellores ocasións. Un momento chave é a entrada no partido de Bundu. Compareceu no minuto 68 e un minuto máis tarde marcou o primeiro gol. En menos de dez minutos o dianteiro de Serra Leoa anotou dous goles e deulle unha asistencia a Bakis. O propio Bakis sería o encargado de anotar o cuarto cun gran lanzamento desde fóra da área. 

O equipo de Hernán Pérez segue en descenso e ofreceu en Andorra malas sensacións. Veremos se iso implica trocos na dirección deportiva. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos