Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nico Rodríguez: "Cortáronme a cabeza e deixáronme sen opcións de pelexar pola medalla olímpica"

Nico Rodríguez: "Cortáronme a cabeza e deixáronme sen opcións de pelexar pola medalla olímpica"

Nico Rodríguez e Silvia Mas impugnan a selección de Xammar e Brugman para representar a España en París no 470 mixto

Queren que a decisión se tome no seguinte ciclo. Nico asegura que foron enganados pola Federación Española de Vela

G24.gal 05/10/2023 20:32

O conflito na vela olímpica española está servido. Nico Rodríguez e Silvia Mas queren pelexar por estar en París. "Ata este momento, dediqueime a navegar. Pero agora que me cortaron a cabeza e me deixan sen poder pelexar pola medalla olímpica, todo queda en mans dos meus avogados", asegurou o regatista nunha comparecencia ante a prensa. 

A comezos de setembro, o Comité de Preparación Olímpica e a Federación Española de Vela designaron a Jordi Xammar, excompañeiro de Nico en Tokyo, e a Nora Brugman como o equipo de 470 mixto que representará a España en París. Na súa resolución, alegan diferenzas nos resultados e no rendemento das embarcacións. Nico Rodríguez cre que se eles non renderon mellor no último Mundial foi porque a Federación lles deu unha información errónea: que na Haia non se ía decidir que equipo iría aos xogos. Esa información, di Nico, beneficiou a Jordi, con quen mantén un conflito xudicial aberto por mor do material que compartiron no pasado e do que hoxe desfruta Xammar co visto e prace da Federación. 

"Jordi era case como un irmán. O que vivimos está aí, pero cada un toma as súas decisións e ten a súa conciencia. Hai cousas que eu non faría porque non me educaron neses valores. Pero a vida é isto", afirmou contundentemente. 

Este sábado debe ratificarse a escolla de Xammar e Brugman. Entrementres, a Federación propúxolle unha alternativa á parella que conforman Rodríguez e Mas: axudarlle a adestrar o equipo rival. "Tendo en conta as circunstancias, a contía ínfima da bolsa que nos ofrecen, que teño un fillo e que non quero ser camioneiro de ninguén porque me enganaron, na miña cabeza non entra esta posibilidade. Prefiro manterme á marxe", explicou. 

Nico e Silvia queren que a selección olímpica se faga nun terceiro ciclo, no Mundial e no trofeo Princesa Sofía de 2024. E están dispostos a acudir á xustiza para ter a opción de demostrar na auga que poden conseguir unha medalla en París.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade