Publicador de contidos

Publicador de contidos

Netanyahu consegue os apoios para volver liderar o Goberno de Israel

Netanyahu consegue os apoios para volver liderar o Goberno de Israel

O seu regreso como primeiro ministro será posible co apoio da extrema dereita e ultraortodoxos

G24.gal 22/12/2022 11:06

Benjamin Netanyahu anunciou que pode formar goberno xunto aos seus socios ultradereitistas e ultraortodoxos, o que marca o inminente retorno do primeiro ministro máis lonxevo da historia de Israe.

O novo goberno, pendente aínda de ser ratificado polo Parlamento, estará integrado por 64 deputados de seis partidos distintos: dous ultraortodoxos, tres relixiosos e de extrema dereita e o Likud de Netanyahu, que se impuxo nos comicios do mes pasado con 32 escanos dunha Cámara de 120.

Este Executivo preséntase máis sólido e homoxéneo que o anterior, que estaba composto por partidos de todo o espectro ideolóxico, e poñerá punto final ao bloqueo político que enfronta Israel desde fai catro anos, durante os cales se celebraron cinco eleccións xerais.

Por outra banda, Netanyahu recuperará o trono que ocupou durante un acumulado de 15 anos (1996-99 e 2009-21), tras pasar máis dun ano como líder da oposición e mentres fai fronte ao xuízo na súa contra por tres casos distintos de corrupción.

Durante os próximos días levarán a cabo os procedementos necesarios para a formación definitiva do novo goberno, que inclúen o anuncio oficial ante o Parlamento por parte do seu presidente, Yariv Levín, e a posterior xura do executivo a cargo dos seus membros, algo que deberá suceder antes do próximo 2 de xaneiro e que non debería presentar grandes complicacións.

A composición deste novo goberno xerou unha forte controversia, tanto portas dentro en Israel como para a comunidade internacional. Isto débese ao polémico historial de varios deles, sobre todo dos membros das tres faccións de extrema dereita: Poder Xudeu, Sionismo Relixioso e Noam.

O líder de Poder Xudeu, Itamar Ben Gvir, ocupará o cargo de ministro de Seguridade Nacional, mentres que Bezalel Smotrich, que encabeza Sionismo Relixioso, comezará ocupando o cargo de ministro de Finanzas e terá un posto con rango de ministro no Ministerio de Defensa.

Estes partidos inclúen ademais entre os seus membros a deputados abertamente racistas antiárabes e homófobos, que xa adiantaron que buscarán avanzar proxectos como a prohibición das marchas do orgullo LGTBI, a deportación daqueles que non demostren lealdade ao Estado e un aumento significativo de educación relixiosa mesmo en escolas laicas.

Un das iniciativas máis polémicas que tenta avanzar o novo goberno busca limitar os poderes do Tribunal Supremo e enmárcase na ofensiva que lidera Netanyahu desde hai anos contra o sistema xudicial.

Coñecido en Israel como a "cláusula de anulación", este proxecto permitiría que a Knéset (Parlamento) aprobe leis que contradigan as Leis Básicas do país -a norma fundamental a falta dunha Constitución- e eliminaría a capacidade do Supremo de anulalas.

Esta iniciativa foi cuestionada por múltiples membros da oposición e mesmo foi descrita pola fiscal xeral do Estado, Gali Baharav-Miara, como un perigo para a democracia israelí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade