Navantia e Windar culminan en Fene as estruturas do parque East Anglia Three
Son en total 45 subestruturas dunhas dimensións máximas de 84 metros de lonxitude, 1.800 toneladas de peso e 10,6 metros de diámetro
(Iberdrola)
Navantia anunciou este luns que a alianza da súa división Navantia Seanergies coa empresa privada Windar Renovables culminou no estaleiro de Fene os monopilotes ou subestruturas para o parque eólico mariño East Anglia Three, promovido por Iberdrola no Mar do Norte.
Nun comunicado, a empresa pública subliñou o "éxito" na fabricación das unidades e considerou que este "fito reforza o posicionamento de ambas as compañías" como provedor conxunto de "referencia" neste ámbito offshore para a eólica mariña internacional.
O director de Navantia Seanergies, Javier Herrero, destacou que é "un orgullo ver como se materializa esta colaboración con Iberdrola, que nos permite contribuír á creación de enerxía limpa e, ao mesmo tempo, apoiar a industrialización e crear emprego e riqueza nun sector estratéxico para Europa".
O presidente de Windar Renovables, Orlando Alonso, engadiu que o "extraordinario traballo que todas as persoas e compañías implicadas neste pedido realizaron para responder as necesidades dun cliente de primeiro nivel como Iberdrola, que está a situar a España á vangarda mundial das enerxías renovables".
Sobre o proxecto, Navantia valorou que se trata do segundo pedido de monopilotes que se completa para Iberdrola xunto a Windar e o "terceiro deste tipo de cimentación executado conxuntamente ata a data".
A fabricación levou a cabo nas súas instalacións compartidas no estaleiro de Fene e cada unha das 45 subestruturas, segundo precisou, ten unhas dimensións máximas de 84 metros de lonxitude, 1.800 toneladas de peso e 10,6 metros de diámetro.
Navantia Seanergies xa construíu previamente para o mesmo parque eólico mariño unha subestación, ademais de 42 cimentacións de tipo jacket, neste caso tamén en alianza con Windar.