Mingueza, novidade na volta aos adestramentos do Celta
O exfutbolista do Barcelona podería reaparecer ante o Valencia o próximo domingo

A presenza de Óscar Mingueza traballando co grupo foi a principal novidade na volta aos adestramentos do Celta, que este martes empezou a preparar na cidade deportiva Afouteza o importante partido do próximo domingo contra o Valencia. O exfutbolista do Barcelona completou unha parte do adestramento ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, polo que podería chegar a tempo para reaparecer ante o conxunto valencianista, un rival directo dos celestes na pelexa por eludir o descenso.
Mingueza, un dos habituais no once tras a chegada do técnico Carlos Carvalhal, leva de baixa desde o pasado mes de febreiro tras encadear dúas lesións musculares no recto anterior da coxa dereita. Con todo, as importantes ausencias de Joseph Aidoo e Javi Galán, que cumprirán sanción ante o Valencia, poderían acelerar o seu regreso á titularidade, aínda que Carvalhal tamén ten a posibilidade de apostar por Fernando Medrano no lateral esquerdo.
O defensa do filial exercitouse este martes co primeiro equipo, do mesmo xeito que o atacante Miguel Rodríguez, polo que todo apunta a que serán citados por Carvalhal, que tamén recuperará ao internacional peruano Renato Tapia, que non puido viaxar a Xetafe por motivos persoais.