Marian Mouriño ratifica a súa "confianza total" en Claudio
A presidenta do Celta repite que a prioridade é a Liga e que teñen que gozar de Europa
A presidenta do Celta, Marian Mouriño, asegurou este martes que non hai ningunha dúbida sobre a continuidade de Claudio Giráldez no banco de Balaídos, a pesar de que o equipo celeste aínda non gañou despois de oito partidos, sete de Liga e un da liga Europa.
“Creo que Claudio é un adestrador moi sensato, moi sincero, que non se auto-engana, que analiza moi ben as situacións. Aquí estamos todos para arroupalo, para unirnos e para, entre todos, saír adiante canto antes”, manifestou.
Tras asistir a un xantar coa Asociación de Xornalistas de Galicia, celebrado no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a dirixente celeste ratificou ao técnico galego no seu cargo.
“Por suposto que a nosa confianza nel é total. Non hai ningún indicio de dúbida”, indicou a filla de Carlos Mouriño, quen dixo estar a vivir “con tranquilidade” o momento deportivo que atravesa o equipo.
“Hai moita confianza no traballo que fixemos, no que vimos o ano pasado, no que estamos a afrontar este”, incidiu a presidenta do Celta.
"Esperabamos empezar mellor? Sempre esperas empezar mellor. Estamos moi preocupados por como empezamos? Non, porque vimos ao equipo xogar en partidos moi ben, vimos un bloque forte”, destacou.
Pese ao delicado momento que atravesa o equipo, Marian Mouriño pediu ao celtismo vivir “con moitísima ilusión” o partido do próximo xoves contra o PAOK grego porque a liga Europa é “un agasallo”, sobre todo, puntualizou, “para os canteiráns que participan por primeira vez nunha competición europea”.